Pestanas principais

O goberno municipal reúnese con Augas de Galicia para ver os traballos de limpeza que hai que realizar no paseo fluvial de Bertamiráns

Xoves, 06 de agosto de 2015

[06-08-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, tiveron unha xuntanza cun técnico de Augas de Galicia. Durante a visita percorreron distintas zonas do paseo fluvial de Bertamiráns co obxectivo de ver de primeira man as actuacións de limpeza que son necesarias realizar no río Sar ao seu paso por esta localidade amesá.


Durante este percorrido incidiron nos traballos de limpeza que hai que realizar na desembocadura do rego do Ameneiral, onde hai problemas de depósitos; na zona do delta que se forma na desembocadura do Rego dos Pasos co río Sar; e debaixo da ponte da Condomiña, onde se acumulan unha gran cantidade de sedimentos dificultando a circulación da auga do río.

Segundo explica o rexedor municipal “o técnico de Augas de Galicia mostrou unha boa disposición e vai a elaborar un informe con todas as actuacións que consideramos que se deben executar nesta zona do río Sar. Despois, segundo nos indicou, trasladaralle este informe a Augas de Galicia para que o poidan estudar detalladamente”.

Limpeza de canles e pontes
Por outra banda, o Concello de Ames vai a executar unha serie de traballos con medios propios co obxectivo de limpar a canle que bordea a zona do Agro do Muíño e que chega ata a depuradora de Sisalde. Ademais, vaise acometer a limpeza do rego que pasa por debaixo da ponte románica de Augapesada. Estes traballos, que se van a coordinar entre os departamentos de Obras e Medio Ambiente, teñen o obxectivo de evitar que se produzan desbordes de auga nestes lugares durante os meses de inverno.

A visita do técnico de Augas de Galicia produciuse despois de que a semana pasada o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, mantiveran unha xuntanza co director deste organismo autonómico, Gonzalo Mosquera. Na reunión da semana pasada as autoridades municipais insistiron na necesidade de limpar o río Sar, ao seu paso por Bertamiráns, e solicitaron actuacións puntuais en diversos puntos que permitan arranxar os problemas de depósitos e desborde do río nos meses de inverno.

O rexedor e os concelleiros/as do goberno municipal visitaron distintas zonas do paseo fluvial de Bertamiráns co obxectivo de ver de primeira man as actuacións de limpeza que son necesarias realizar no río Sar ao seu paso por esta localidade amesá. Deste xeito, recorreron o paseo fluvial ata a ponte da Condomiña.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames negocia con la Xunta la limpieza del paseo fluvial"
El Correo Gallego: "El Ayuntamiento de Ames y Augas van a adecentar el paseo de Bertamiráns"