[01-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Desenvolvemento sostible, Infraestruturas e Planificación, Blas García, e a concelleira de Benestar social e Dereitos para a cidadanía, Luísa Feijóo, mantiveron unha xuntanza cos representantes das catro asociacións de profesionais e comerciantes municipais. A esta xuntanza tamén asistiron os técnicos municipais. Esta xuntanza serviu para ter unha primeira toma de contacto e para presentar o novo goberno municipal ante as devanditas asociacións. Nesta reunión acordouse manter encontros bimensuais con todas as asociacións e ter reunións individualizadas con cada unha destas entidades para resolver temas independentes de cada unha delas.
Este martes, 30 de xuño, o goberno municipal mantivo unha xuntanza de traballo con representantes da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar. Deste xeito, déuselle cumprimento a un dos 21 puntos, que se recolleron no documento asinado por parte das forzas políticas de esquerdas, vinculados ao acordo do pleno de investidura.
Esta primeira reunión serviu para que o goberno municipal se puidera presentar antes os representantes das devanditas asociacións e tamén foi un primeira toma de contacto para, a partir de agora, establecer un calendario de traballo conxunto entre todas as partes. O primeiro paso acordado foi que todas as partes se reunirán cada dous meses. Deste xeito, quedou fixada un novo encontro para o día 1 de setembro. Ademais destas reunións, o goberno municipal tamén lles trasladou a intención de manter encontros individuais con todas as asociacións para tratar temas concretos de cada unha delas.
O alcalde de Ames, José Miñones, trasladoulles que o Concello de Ames “prestará apoio e colaboración ás iniciativas e aos proxectos que presenten as asociacións de comerciantes e profesionais municipais”. Asemade, manifestou que “o comercio e o sector hostaleiro de Ames é un motor importante para a economía amesá, polo que hai que potenciar e apoiar todas as actividades que se poidan executar neste sector”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: " El gobierno amiense ofrece colaboración al comercio"




