Pestanas principais

O Goberno municipal reúnese coas asociacións veciñais de Covas e Bugallido

Xoves, 05 de maio de 2022

O Goberno municipal está facendo unha rolda de xuntanzas coas asociación de veciños e veciñas, para abordar diferentes temas de índole municipal. Nas últimas semanas reuniuse con representantes das asociacións veciñais de Covas e Bugallido para falar dos proxectos que están en marcha, dos que se van a executar no que resta deste ano e de cara a 2023. Tamén se abordaron cuestións relacionadas coa mellora da seguridade viaria e co transporte metropolitano.

Coa asociación veciñal de Covas mantívose unha xuntanza o pasado 20 de abril á que asistiu o alcalde, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belen Paz, e mailo concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez. En dita xuntanza falouse de unir Covas con Bertamiráns a través dunha senda peonil. Dende o Goberno municipal explicóuselles que a obra vaise a executar en dúas fases. Na primeira farase unha senda peonil dende Covas ata a ponte da AG-56. Este proxecto forma parte do Plan Ames Progresa.

Dende a asociación de Covas trasladaron o seu malestar pola desaparición de frecuencias da liña de autobús de Santiago ao Lombao. Dende o Goberno municipal dixeron que van poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Mobilidade estas queixas parar tratar de darlle solución.

Ademais abordouse a obra de arranxo da zona de Lombao, que se vai executar en distintos tramos ata A Ameixenda. No plan de 2022 xa está orzamentado a realización dun primeiro tramo dende a AC-543. Tamén se van executar melloras en materia de seguridade viaria e pasos de peóns. Isto está recollido no proxecto de mellora de seguridade viaria no rural que se vai a facer cos orzamentos participativos.

Por outra banda, estase traballando na mellora do saneamento, abastecemento e pluviais. No lugar de Ventosa estase metendo canalización de pluviais e vaise a conectar a rede de saneamentos a unhas vivendas que non o tiñan. En Ventosa tamén se van facer novas obras de saneamento. En Capeáns o proxecto está rematado e cóntase cos pertinentes autorizacións, polo que se está a espera do inicio das obras. En Caroubáns e Loureiros estase pendente da licitación dos proxectos. Por último, informouse aos veciños sobre as obras que se están a realizar no núcleo de Ventosa, así como da creación dun parque infantil en Pedra Dourada.

Asociación de veciños de Bugallido
O martes, 26 de abril, o Goberno municipal representado polo alcalde, Blas García, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e mailo concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, mantiveron unha xuntanza cos representantes da asociación veciñal de Bugallido. Neste caso falouse sobre a paralización das obras da senda entre Outeiro e Costoia. Neste senso o Goberno municipal manifestou que se está a espera de que a empresa Naturgy resolva unha serie de cuestións que son imprescindibles para poder finalizar os traballos.

Tamén se falou dos proxectos que se van a licitar no segundo semestre deste ano e que se van a executar en 2023. Deste xeito está previsto que se realicen obras de mellora de interiores nos lugares de Framán, Eirapedriña, Tarrío, O Outeiro e O Instrumento. Tamén está previsto realizar obras de saneamento e abastecemento de auga nos lugares de Buceleiras e Guimaráns, así como se rematará o saneamento nunha zona que non existe na aldea de Guimaráns.  Dende a asociación veciñal de Bugallido pediuse que se unan as distintas aldeas da parroquia  a través de sendas peonís, pero dende o Goberno díxose que en primeiro lugar daráselle prioridade á mellora dos camiños interiores.

Sobre a implantación da nova liña de autobús do servizo de interese municipal (SIMU) informouse aos veciños/as que se agarda que se poña en marcha no vindeiro mes de xuño, para reforzar a liña de Extramundi e tratar de paliar a desaparecida liña de transporte urbano P2. Dende o Goberno tamén se manifestou que se vai agardar ata finais de ano para facer unha valoración sobre como funciona esta nova liña de autobús, para despois se é necesario solicitarlle á Dirección Xeral de Mobilidade a mellora dos horarios e frecuencias. Sobre o transporte metropolitano, os representantes da asociación de Bugallido solicitaron que o autobús que fai a ruta Santiago-Calo-Firmistáns, alongue un pouco o seu traxecto ata o cruce da farmacia, para despois continuar cara a rotonda da bola e dende aí volver a Firmistáns.

Dende a asociación presentouse un proxecto para recuperar o uso do campo de fútbol de Framán. Dende o Goberno non viron viable o proxecto presentado, pero aínda así, comprometéronse a estudar outras alternativas e traballar para recuperar o uso deste espazo. Por último, dende o Goberno informouse que a través do proxecto de mellora de seguridade viaria no rural, que se vai a facer cos orzamentos participativos, vanse a colocar bádens para reducir a velocidade e pintar pasos de peóns nas paradas de autobús.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Suministros, transporte y seguridad vial, objetivos para Covas y Bugallido"

AMSGO!: "Reunión do Goberno local coas asociacións de Bugallido e Covas"

Imaxe da xuntanza coa asociación veciñal de Bugallido

Multimedia

  • Imaxe da xuntanza coa asociación veciñal de Covas