[23-04-2016] A concellaría de Deportes reuniuse esta semana coas ANPAS e cos centros escolares dentro da ronda de contactos que está mantendo para a formación do Consello consultivo de deportes do Concello de Ames. Nesta xuntanza falouse do proceso iniciado anteriormente para aprobar a normativa do Consello consultivo deportivo. As ANPAS e os centros escolares terán que designar aos seus representantes dentro deste órgano de ámbito municipal. Proximamente convocarase o Consello completo ao que asistirán todos os axentes implicados.
Este organismo municipal é un espazo de relación e participación entre os diversos axentes e actores do sistema deportivo do Concello de Ames. Pretende ser un órgano consultivo da concellaría de Deportes, polo que se canaliza a participación dos diferentes entes involucrados na área de deportes local, e tamén, un instrumento para potenciar a promoción do deporte e da actividade física no municipio.
O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, explica que “adicar un espazo de participación propio para os axentes deportivos é importante para dar voz ás diferentes dimensións do deporte, desde o ámbito máis local e de base ao de maior proxección. Tamén pode resultar útil para captar as necesidades e demandas específicas deste ámbito, e desta maneira poder reflexionar conxuntamente sobre as mellores propostas para atender ditas necesidades”.
A existencia do Consello de deportes xustifícase por varios motivos como son a importancia do deporte na vida municipal; a aposta por un concello saudable con políticas que promovan o deporte; o elevado porcentaxe de poboación que cada día práctica deporte en diferentes clubs; a baixa media de idade que sitúa a Ames como o concello máis xoven de Galicia; a vontade explícita dos axentes deportivos de participar no deporte que ten lugar en Ames; conseguir facer visible e dar resposta ás demandas, problemas e necesidades que afectan aos diferentes actores deportivos; e o elevado número de colectivos e entidades que existen en torno ao deporte amesán.
Miñones engade que “na actualidade no concello hai un número elevado de clubs e asociacións deportivas que se incrementa ano tras ano. Dar cabida a todos estes entes e coñecer as súas demandas son aspectos prioritarios para o goberno municipal que deben ser canalizados a través deste órgano municipal”.
Xuntanzas cos axentes implicados
Ata o de agora realizáronse dúas reunións para poñer en marcha o Consello consultivo de deportes. Na primeira participaron as asociacións e clubs deportivos de Ames, mentres que na segunda falouse coas ANPAS e centros escolares. Nestas xuntanzas, ademais de falar sobre a política deportiva do concello, o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, presentoulles un borrador no que se recolle a normativa do Consello deportivo.
As entidades deportivas e educativas terán que designar aos seus representantes dentro deste órgano. O Consello municipal de deportes estará composto por un presidente, que será o alcalde ou concelleiro do goberno municipal, un secretario que será o animador deportivo municipal designado polo presidente; un representante de cada un das entidades e clubs deportivos legalmente constituídos e rexistrados no Rexistro Municipal de Asociacións; un representante de cada grupo político da corporación municipal; un representante das ANPAS e dos centros escolares; as persoas elixidas como mellores deportistas masculino e feminina local na Gala do Deporte; un representante dos pais/nais dos menores inscritos nas Escolas deportivas municipais; un representante dos adestradores dos diferentes clubs deportivos inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións; e o coordinador da empresa que xestione as Escolas deportivas municipais.
Unha vez revisado o borrador do regulamento, e engadidas as achegas dos distintos axentes implicados, poñerase en marcha para súa definitiva estruturación. Dende a concellaría de Deportes explican que se optou "por un órgano aberto" para a creación deste Consello, "que permita unha composición o máis aberta posible, de xeito que axilice os procesos de diálogo" entre os colectivos amesáns que traballan no eido do deporte. A concellaría de Deportes ideou este organismo para fomentar a participación e o diálogo dos axentes implicados na vida deportiva do concello.




