[16-05-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, recibiron a visita de Eloína Núñez, xerente da Xerencia de Xestión integrada de Santiago, María José López, directora de Recursos Económicos, e Montse Souto, subdirectora de Enfermaría da Xerencia de Santiago. Primeiro reuníronse na Casa do Concello, onde revisaron o proxecto do novo centro de saúde do Milladoiro, e de seguido achegáronse aos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro, para falar cos profesionais que traballan en ditos centros e atender as súas peticións de mellora das instalacións.
En primeiro lugar mantiveron unha xuntanza no despacho de Alcaldía, onde repasaron o proxecto do novo centro de saúde do Milladoiro. Deste xeito, estiveron vendo as zona na que se sitúa cada unha das áreas deste equipamento e acordaron que se vai a resituar a sala de mostras xa que a ubicación inicial non era a máis axeitada. Dende o goberno informouse que a semana pasada foi aprobado de xeito definitivo o proxecto de urbanización do sector S-15, onde está situada a parcela destinada a construír dita infraestrutura. Ademais, falouse dos prazos e trámites que haberá que facer de xeito inmediato para poder abrir o proceso de licitación o máis axiña posible.
O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental. Ademais dunha sala de toma de mostras, dúas salas de técnicas e outras dúas salas polivalentes. A área de pediátrica terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica, mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. En total, o centro de saúde disporá dunha superficie construída de arredor de 2.100 metros cadrados.
Está previsto que no pleno ordinario deste mes se debata a aprobación, se procede, da declaración das obras de construción do novo centro de saúde como de "especial interese" para que así poida terse unha bonificación do 95% do ICIO. Asemade, este luns 15 de maio, o goberno municipal envioulle un escrito á Dirección Xeral de Recursos Económicos da Consellaría de Sanidade solicitándolle que abonen as taxas da licenza de obra, para que de seguido, se poida aprobar en Xunta de Goberno Local a concesión de dita licenza de obra. Por último, tamén se lle indicou que unha vez aprobada a bonificación do ICIO será notificado este trámite para que de seguido se faga efectivo dito pagamento. O obxectivo do goberno municipal é que na primeira quincena do mes de xuño se poida iniciar o proceso de licitación do devandito proxecto.
Visita aos centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro
Posteriormente, desprazáronse ata o centro de saúde do Milladoiro para tratar de solucionar diferentes peticións e reclamacións de mellora. En Bertamiráns, vaise a trasladar a área de administración ao segundo andar, para deixar máis espazo libre no primeiro andar. A utilización de dito espazo será determinada polos profesionais do centro.
Ademais, comunicóuselle á xerente da Xerencia de Xestión integrada de Santiago a necesidade de acondicionar á area exterior de estacionamento, e incluso se baralla a posibilidade de asinar un convenio entre o SERGAS e o Concello de Ames para o uso deste aparcadoiro. Tamén se falou da posibilidade de incrementar o aparcadoiro empregando parte da zona verde actual que rodea o centro de saúde; habilitar unha zona de estacionamento exclusiva para os traballadores/as do centro; e mellorar a zona de acceso das ambulancias.
No centro de saúde do Milladoiro vaise a intentar mellorar a accesibilidade deste edificio. Na actualidade, no segundo andar hai unha consulta, polo que se vai intentar trasladar dita consulta ao primeiro andar para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida. Asemade, vaise a mellorar a accesibilidade nos aseos.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Trámites para licitar o novo centro de saúde do Milladoiro en xuño"