[23-02-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza en Lousame coa presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, para intentar solucionar as deficiencias sufridas no servizo de recollida de lixo durante estes pasados días. Ademais, o goberno municipal solicitou a documentación na que se recollen os prezos da prestación deste servizo, para poder decidir se é posible que sexa o Concello o que realice a recolleita de lixo. A idea que está barallando o goberno é realizar o servizo de recollida do lixo con medios propios e depositar o lixo na planta de tratamento de Lousame.
Dende o goberno municipal solicitaron información sobre o que está acontecendo durante os últimos días co servizo de recollida do lixo. Sobre este asunto a presidenta da Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza trasladoulle que as deficiencias sufridas neste servizo son debidas a un problema da empresa adxudicataria do servizo, FCC SA. Aínda así tanto o alcalde de Ames coma o concelleiro se Obras Públicas e Servizos Básicos pedíronlle responsabilidades á Mancomunidade e solicitaron que arranxen dito problema coa empresa concesionaria do servizo. Asemade, solicitóuselle á presidenta desta entidade que realice as xestións oportunas para que o importe que corresponde coa non prestación de dito servizo se desconte da factura que ten que pagar o Concello durante este mes de febreiro.
Por outra banda, o goberno de Ames volveu a reclamar ser socio de pleno dereito desta entidade xa que á poboación de Ames representa o 40% da poboación total á que se lle presta servizo dende a Mancomunidade Serra do Barbanza. Outras das peticións feitas no día de hoxe foi relativa aos custos económicos que lle supoñen ao Concello de Ames a prestación deste servizo. Sobre este tema, dende a Mancomunidade trasladaron que en canto non haxa unha resolución xudicial sobre a demanda da revisión de prezos non se lle poderá dar traslado de dita documentación.
Segundo explica o alcalde de Ames, José Miñones, estes datos económicos “son claves para determinar o que imos a facer no futuro. Dende o goberno estamos barallando a idea de prestar o servizo de recollida do lixo con medios propios e depositar o lixo na planta de tratamento de Lousame. Para iso necesitamos saber os custos que temos polo servizo da planta de tratamento. Haberá que agardar a resolución xudicial da demanda pola revisión de prezos, pero aínda así temos claro que os prezos van a subir”.
Por último, solicitouse acudir as xuntanzas da Mancomunidade como oínte, xa que o Concello de Ames ao non ser socio de pleno dereito non ten poder de decisión en ditas reunións. Dende esta entidade díxose que Ames será convocado as seguintes xuntanzas.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames estudia asumir la recogida de la basura y su traslado hasta Lousame"
El Correo Gallego: "Ames baralla realizar o servizo de recollida do lixo con medios propios e depositalo na planta de tratamento de Lousame"
La Voz de Galicia: "FCC dice que no puede garantizar la recogida de basura si no se renuevan los camiones"