[07-12-2016] O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, vén de reunirse con parte da directiva do Milladoiro SD para presentarlles o proxecto de construción dunhas gradas cubertas para o campo de fútbol onde adestra e xoga este club amesán. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa OVIGA SL, ten un custo de 82.420 euros e será sufragado con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2016 da Deputación da Coruña. Trátase dunha obra que vén sendo reclamada dende hai tempo por parte do Milladoiro Sociedade Deportiva, que ata o de agora non se executou.
O rexedor municipal reuniuse no campo de fútbol do Milladoiro co presidente do Milladoiro SD, Vicente González, “Checho”, para presentarlle o proxecto de construción das gradas cubertas para dito campo de fútbol. A esta visita tamén acudiu o arquitecto Alfonso Salgado, que foi o encargado de redactar dito proxecto. O proxecto recolle a construción dunha gradaría cuberta de formigón no que este material conforma un todo de partes case indistinguibles, xa que a estrutura é á vez e a un tempo cerramento, pel, solado, e cuberta. É dicir, é un todo homoxéneo de formigón armado; como un continuo que se retorce e acomoda á escasa anchura do espazo libre, por forza lonxitudinal e alargado, paralelo ao camiño e pechado aos ventos dominantes.
Estas gradas estarán situadas nun lateral do campo de fútbol. Así mesmo, a sección transversal propicia a disposición de espazos vacantes baixo a cota de bancadas, que poderán ser acondicionados posteriormente como novos vestiarios. A superficie da construción en planta ocupa 163,43 metros cadrados. Para acceder ás gradas habilitarse unha entrada específica sen que sexa necesario entrar no terreo de xogo. Para iso construírase unha rampla de acceso polo lateral do campo. Deste xeito, existirán tres puntos de acceso: un para que os xogadores/as e o/a arbitro accedan aos vestiarios, outro para entrar no terreo de xogo e un terceiro para acceder ás gradas.
Na actualidade, os espazos baleiros que quedan debaixo das gradas dedicaranse a almacén, pero no futuro segundo explica Miñones “a idea que temos é dedicar estes espazos á construción de catro vestiarios e dúas zonas de duchas compartidas entre os vestiarios existentes. Para iso, previamente, haberá que dotar de rede de abastecemento de auga e saneamento, así como de electricidade a ditas gradas. Ademais, temos que buscar unha partida de financiamento para poder executar estes vestiarios. O contrato deste proxecto xa foi asinado coa empresa adxudicataria, polo que o comezo das obras debería efectuarse nas vindeiras semanas”.





