Pestanas principais

O goberno municipal reúnese coa conselleira de Educación para concretar a posta a disposición dos terreos necesarios para ampliar o CEIP Agro do Muíño e construír o novo CEIP do Milladoiro

Venres, 26 de xullo de 2019

O alcalde de Ames e responsable de Urbanismo, José Miñones, e o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Educación, David Santomil, mantiveron este mércores, 24 de xullo, unha xuntanza coa conselleira de Educación, Carmen Pomar e o Secretario Xeral Técnico da Consellería, Jesús Oitavén, na que se falou do compromiso común de poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para ampliar o CEIP Agro do Muíño e construír o novo CEIP no Milladoiro. Asemade, tamén se falou da necesidade de elaboración do Plan Especial para a dotación de equipamentos na parcela anexa ao IES de Ames, en Bertamiráns. No primeiro dos casos, adquiriuse o compromiso de asinar os convenios necesarios para a posta de disposición dos terreos unha vez pasen os meses de verán, no primeiro trimestre do curso escolar 2019/2020.

A Corporación municipal aprobou no pasado mes de decembro, por unanimidade, a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis. Deste xeito, disporase de tres liñas de primaria. Logo dese trámite, é a Consellería de Educación a que ten que elaborar o proxecto, licitar o expediente de contratación do proxecto e executar as obras. Dita parcela, que será destinada a equipamento público, está situada ao carón do actual centro. Na xuntanza desta semana, acordouse a sinatura de convenio unha vez pasen os meses do verán, para facer efectiva a posta a disposición da Xunta de Galicia dos terreos nos que se acometerá a ampliación, e que contan cunha superficie próxima aos 5.000 m2.

En relación á parcela para a construción dun novo CEIP no Milladoiro, estanse a finalizar os trámites pertinentes no Rexistro da Propiedade. A finais do pasado ano, a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír este novo centro educativo. A intención é que, como no caso do CEIP Agro do Muíño, se asine o convenio de posta a disposición da Xunta da Galicia destas parcelas unha vez remate o período estival. A superficie afectada polo Plan Especial, para a dotación de infraestruturas escolares, é de 20.000 metros cadrados, repartidos en 13 parcelas.

Para o concelleiro de Educación, David Santomil, “estanse a cumprir os prazos previstos e acordamos asinar ambos convenios despois do verán. Estamos a falar dunha superficie total de 25.000 m2 no seu conxunto para facer as dúas actuacións nos CEIP, o que supón a maior posta a disposición de terreos para equipamentos educativos públicos de Ames”.

Asemade, na xuntanza do pasado mércores tamén se falou da necesidade de avanzar nos trámites de aprobación para do Plan Especial para a dotación de equipamentos educativos na parcela anexa ao IES de Ames, en Bertamiráns. As posibilidades de aproveitamento, neste senso, pasan por habilitar unha zona de aparcamento e, ademais, valorar a posibilidade de utilizala para equipamentos deportivos ou destinala a equipamentos de ensino secundario. A parcela conta cunha superficie de 10.000 m2.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "Ames vai ceder os terreos para o CEIP do Milladoiro tras o verán"

Parcela para a ampliación do CEIP Agro do Muíño

Multimedia

  • Parcela para a construción do novo CEIP do Milladoiro