[03-07-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Participación cidadá, Isabel González, mantiveron unha xuntanza co presidente da Confederación Galega de Persoas Discapacitadas (COGAMI), Anxo Queiruga. Esta xuntanza serviu para ter unha primeira toma de contacto e para presentar o novo goberno municipal ante esta entidade. Tamén se falou do traballo que desenvolve esta confederación en Ames e doutros temas como a accesibilidade.
Nesta xuntanza abordáronse cuestións de grande importancia para o Concello de Ames como son o tema da accesibilidade. Neste eido cómpre destacar que o Concello de Ames xa desenvolveu unha fase dun plan de accesibilidade, a través do cal xa se melloraron as instalacións de varios edificios municipais como a Casa da Cultura de Bertamiráns. Segundo indica o rexedor municipal “temos que seguir traballando nesta dirección para mellorar a accesibilidade do noso concello”.
Por outra banda, a entidade COGAMI desenvolve traballos de conservación e mantemento en dous dos lugares máis frecuentados polas amienses no seu tempo de lecer como son o parque do Pazo da Peregrina e o paseo fluvial de Bertamiráns. Neste lugares realizan traballos de xardinería, limpeza e conservación destas áreas verdes.
Por último, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, tamén aproveitou esta cita para presentarlle ao goberno municipal as empresas que forman parte desta confederación de persoas con algún tipo de discapacidade.
O alcalde de Ames, José Miñones, trasladoulle ao presidente de COGAMI a intención de seguir colaborando con esta entidade. “Dende o goberno municipal queremos que COGAMI continúe desenvolvendo as súas actividades no noso termo municipal e traballaremos nesa dirección”, apuntou Miñones.




