[29-09-2015] As concelleiras de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, mantiveron unha xuntanza coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que foi fundada no ano 1977 en Santiago de Compostela.
Neste encontro abordouse a posibilidade de asinar un convenio de colaboración entre a devandita asociación e o Concello de Ames, a través do cal a APSSC prestarían o servizo de intérpretes da lingua de signos. Dende o Goberno municipal manifestaron “que nesta reunión o Concello mostrou a súa intención e vontade de subscribir un convenio coa APSSC, para que Ames dispoña do devandito servizo de intérpretes da lingua de signos”.
Esta entidade leva funcionado como asociación dende hai 38 anos e xurdiu como un punto de encontro entre aquelas persoas cunha discapacidade auditiva que tiñan inquedanzas comúns. Pouco a pouco foi traballando a través do movemento asociativo para mellorar a calidade de vida das persoas xordas, e así acadar unha plena integración e igualdade en diferentes ámbitos: social, educativo e laboral.
Entre os servizos que prestan está o de intérpretes de lingua de signos . Este servizo está dirixido a persoas xordas, familiares, entidades públicas e privadas, profesionais e todos aqueles que o precisen para favorecer a comunicación en xestións imprescindibles para o desenvolvemento dunha vida cotiá normalizada como poden ser consultas médicas, entrevistas, xestións laborais, consultas legais, etc.