Pestanas principais

O goberno municipal reúnese coa Asociación de amigos do Camiño Inglés pola ría de Muros e Noia

Xoves, 03 de decembro de 2015

[03-12-2015] A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, acompañada da técnica do departamento municipal de Turismo reuníronse con Manuel Lema e Sol Agra, membros da recentemente constituída Asociación de amigos do Camiño Inglés pola ría de Muros e Noia, para poñer no seu coñecemento os pasos dados ata o de agora para conseguir a oficialización desta ruta xacobea que arranca en Muros e pasa por Ames. Foi este un camiño de chegada de peregrinos das Illas Británicas por mar do que existe abondosa documentación histórica para o seu aval.

Este encontro serviu para que Manuel Lema e Sol Agra lle presentasen ao goberno municipal a recentemente constituída Asociación de amigos do Camiño Inglés pola ría de Muros e Noia. O principal obxectivo da xuntanza foi poñer en coñecemento da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, os pasos dados ata o de agora para conseguir a oficialización desta ruta que arranca en Muros e pasa por Ames.

En marzo do 2014 presentouse diante da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a solicitude para obter o correspondente recoñecemento deste Camiño, asinada por todas as alcaldías dos concellos polos que discorre a ruta ata a súa meta en Santiago de Compostela. Foi este un camiño de chegada de peregrinos das Illas Británicas por mar do que existe abondosa documentación histórica para o seu aval.

Na reunión falouse tamén da proposta de trazado do Camiño e da necesidade da unión de todos os gobernos municipais dos concellos polos que pasa o Camiño e da necesaria cohesión social para conseguir a oficialización, sinalización e posta en valor dunha ruta que historicamente tivo unha grande relevancia e que sorprendentemente non acadou a oficialidade xunto coas outra rutas xacobeas existentes.

Este Camiño pasa por Ames na súa última etapa. Entra no noso concello polo Tremo, discorre por parte do trazado urbano de Bertamiráns, e continúa polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído. Entra no concello de Santiago por Laraño. Isabel González indica que “o Concello de Ames apoia esta iniciativa e colaborará na súa valorización”. Así mesmo considera “imprescindible que esta ruta acade o recoñecemento oficial, para o que tanto o Xacobeo coma o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia teñen a clave”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Apoyo desde la capital amaiana al Camiño Inglés pola ría de Noia"