[18-06-2016] Esta semana o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, mantiveron unha xuntanza co xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), así como da área de xestión integrada de Santiago, Luís Verde Remeseiro. Neste encontro falouse sobre as demandas que dende o executivo local se enviaron á xerencia meses atrás. Tamén se abordou o tema da construción dun novo centro de saúde para o Milladoiro.
Os trámites para o acordo de execución desta nova infraestrutura, que se levará a cabo na parcela do S-15, están bastante avanzados e mantense o proxecto anterior que xa estaba elaborado. Dende o Concello queren ser cautos e non crear falsas expectativas sobre unha infraestrutura que xa foi varias veces comprometida. A concelleira de Sanidade solicitou un maior número de facultativos para o actual centro de saúde do Milladoiro e a instauración da unidade de odontoloxía e fisioterapia para o futuro centro de saúde.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “dende o Concello xa enviamos meses atrás unha solicitude para que haxa un incremento de persoal na actualidade”. O xerente ligou dita cobertura á construción do novo centro, xa que existen problemas de persoal na actualidade. “Para o goberno municipal un núcleo como O Milladoiro debe contar con toda a carteira de servizos e de aí que estea a traballar na procura deste obxectivo”, indica Miñones.
No tocante ao novo centro de saúde, o goberno quixo coñecer de primeira man o proxecto que se vai a levar a cabo, e se se mantén ou non o xa aprobado anos atrás. O rexedor municipal incide en que “agardamos que o antes posible se poida tramitar a sinatura do convenio que permita a licitación desta infraestrutura, que é unha prioridade para este goberno e pola que levamos xa feitos numerosos trámites. No día de onte tivo lugar unha nova xuntanza na que participamos o alcalde, o concelleiro de urbanismo, a arquitecta municipal e propietarios da xunta de compensación, de cara a adiantar os trámites necesarios para que nas vindeiras semanas se poida conseguir a cesión adiantada destes terreos, de xeito que a seguridade xurídica quedaría garantida”.
Luísa Feijóo indica "entendemos que é unha obra tan importante como necesaria para o noso concello, xa que o actual centro de saúde do Milladoiro naceu para dar atención a unha poboación de aproximadamente 6.000 habitantes e xa imos en máis do dobre. A iso hai que engadirlle a falta de accesibilidade, o que dificulta aínda máis a atención a aqueles usuarios e usuarias que teñen problemas de mobilidade".
O responsable da área de xestión integrada de Santiago, Luís Verde Remeseiro, indicou que os trámites para a execución desta nova infraestrutura xa están bastante avanzados e que se vai a manter o anterior proxecto que xa estaba elaborado. Ademais, como novidade, adiantouse que o novo centro de saúde contará cun maior número de facultativos e cunha unidade de odontoloxía e outra de fisioterapia, tal e como foi solicitado dende Ames.
Matrona a tempo completo
Nesta xuntanza o goberno municipal tamén aproveitou para solicitar máis persoal para o actual centro de saúde, xa que o número de facultativos non é suficiente para atender a unha poboación de máis de 12.000 habitantes. A concelleira de Sanidade, Luísa Feijóo, explica que “solicitamos un médico máis para a quenda da tarde e un pediatra de quenda deslízante. A pesar de facer estas peticións, dixéronnos que a día hoxe non se poden atender. Tamén nos indicaron que os cupos non son dos máis altos”.
Outra das novidades que se extraen desta xuntanza é que o centro de saúde do Milladoiro conta cunha matrona a tempo completo. Como explica Luísa Feijóo “ata o de agora tiñamos que compartir o servizo da matrona con Brión. Despois de tanto tempo insistindo en poder contar cunha matrona a tempo completo no Milladoiro, xa podemos dicir que é unha realidade”.
Reorganización do centro de saúde de Bertamiráns
Respecto ao centro de saúde de Bertamiráns falouse da posibilidade de reorganizar os espazos existentes para dar unha mellor atención. Tamén se explorou a vía de dotalo de máis zonas de aparcamento prescindindo de parte da zona axardinada da entrada. O responsable da área de xestión integrada de Santiago mostrou a súa conformidade ante estas dúas peticións e trasladoulle ao goberno municipal que serán estudadas para poder atendelas nun prazo curto de tempo.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Fisioterapia y odontología desde el nuevo dispensario de O Milladoiro"
La Voz de Galicia:"El nuevo centro médico de Milladoiro tendrá odontología y fisioterapia"
La Voz de Galicia:"El Concello exige plazos concretos para blindar el centro de salud de Milladoiro"