[24-05-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, mantiveron unha xuntanza co presidente da cooperativa Feiraco, José Montes, co obxectivo de levar a cabo proxectos comúns. Neste encontro falouse do programa europeo Leader, da posibilidade de que esta cooperativa empregue os servizos da ETAP Ames-Brión, de unir o camiño Santiago-Fisterra con Feiraco para que os peregrinos acudan a coñecer esta planta, e de posibles colaboracións culturais aparte da edición do libro do Certame Literario.
O rexedor municipal destacou que “no pasado mes de agosto realizamos unha visita á planta cooperativa de Feiraco e invitamos ao seu presidente a que visitara o Concello. Aínda que se tratou dun encontro informal puidemos falar de varios proxectos futuros que poderíamos levar a cabo entre ambas partes. Na actualidade Feiraco xa colabora co Concello de Ames na edición do libro que recolle as obras gañadores do Certame Literario, pero agardamos poder colaborar noutras moitas iniciativas que poden ser de interese común”.
Un dos asuntos que se tratou nesta xuntanza foi o programa de subvencións “Medida Leader Galicia 2014-2020”. O Concello de Ames é parte integrante e impulsor do novo grupo de desenvolvemento rural (GDR-19) que aspira a percibir fondos da Unión Europea, para desenvolver nos próximos anos o programa europeo Leader. O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan: desenvolvemento local participativo.
O elemento esencial da metodoloxía Leader é que se trata de procesos de abaixo cara arriba, é dicir, as estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural defínense no ámbito local do territorio, e as decisións sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian, son tomadas nese mesmo ámbito por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa).
Neste senso o goberno municipal trasladoulle a José Montes a participación do Concello de Ames neste proxecto, así como que se vai convocar unha xuntanza participativa, que está dirixida a autónomos, empresas, cooperativas, S.A.T., sociedades laborais, e asociacións de calquera tipo (empresarios, culturais, xuvenís, veciños, medioambientais, etc.), para o vindeiro xoves 2 de xuño, ás 20:30 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. A través deste proceso preténdese definir a estratexia en función das potencialidades e necesidades do Concello de Ames, en materia de desenvolvemento rural.
Utilización da nova ETAP
Por outra banda, dende o goberno amesán explicóuselle ao presidente de Feiraco que se pretende potenciar o camiño que discorre entre Santiago e Fisterra, ao seu paso polo municipio de Ames. Así, estanse barallando algunhas iniciativas para que as persoas que realicen este camiño poidan ir coñecer as instalación desta cooperativa atraídos por algún tipo de proxecto concreto que se realice en Feiraco e se utilice de reclamo como pode ser un museo do camiño.
Outro dos temas que se trataron foi a posibilidade de que a cooperativa de Feiraco empregue os servizos que ofrece a nova estación de tratamento de auga potable que comparten os concello de Ames e Brión. O goberno municipal está estudando a opción que esta nova infraestrutura sexa empregada por máis entidades, e incluso concellos da contorna como Negreira e A Baña, co fin de abaratar o custo da auga. Por último, falouse de posibles colaboracións culturais aparte da edición do libro do Certame Literario.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Ayuntamiento de Ames propone a Feiraco que consuma agua de su potabilizadora"
El Correo Gallego: "Proponen que el Camino y la ETAP de Lens desemboquen en Feiraco"




