[20-11-2015] Esta mañá o goberno municipal mantivo unha nova xuntanza cos representantes do persoal do Concello de Ames. Deste xeito, ante a ausencia do alcalde, a primeira tenente de alcalde Genma Otero, e os voceiros/as dos grupos políticos do PSdeG, Blas García, e do BNG, David Santomil, mantiveron unha xuntanza cos membros do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal. Esta é a cuarta Mesa Xeral de Negociación que se realiza dende que tomou posesión o goberno municipal.
O primeiro acordo que se tomou foi a aprobación de dúas actas de reunións anteriores. De seguido, abordouse a aprobación do regulamento para a xestión de bolsas de traballo temporal do Concello de Ames. Este regulamento, que foi aprobado hoxe na Mesa Xeral de Negociación, facilitará o traballo do departamento de Recursos Humanos á hora de posibles substitucións de traballadores/as municipais. Para elaborar este borrador mantivéronse un total de catro xuntanzas durante os meses de setembro e outubro.
Coa aprobación deste regulamento conséguese darlle carácter formal ao sistema de listas de agarda que xa se viña empregando no departamento de Recursos Humanos. Ademais de facilitar o traballo deste departamento tamén lle permite aos candidatos/as, que están incluídos nesta listas de agarda, coñecer o sistema que se emprega por parte do Concello de Ames. O devandito regulamento será publicado a través da páxina web municipal para coñecemento de todos/as os/as interesados/as.
Outro dos puntos que se recollía na orde do día era a modificación da composición da comisión de horas extras e a fixación dun calendario de reunións. Este punto deixouse pendente para a próxima xuntanza da Mesa Xeral de Negociación, debido a que o vindeiro 16 de decembro haberá eleccións sindicais, e non ten sentido constituír un grupo de traballo agora cando pode ser modificado en menos dun mes.
Ademais, achegouse outro informe do departamento de Secretaría sobre diferentes cuestións relativas á proposta de extensión ao persoal funcionario das melloras que recolle o Convenio colectivo para o persoal laboral, mentres non se teña un acordo regulador aplicable a todo o persoal municipal (xornada de verán, fondo social, servizos extraordinarios fóra da xornada laboral, días sen xustificación por indisposición, e gratificación especial pola obriga de traballar as noites dos días 24 e 31 de decembro). Sobre este asunto acordouse anexar este informe á acta da xuntanza para dispor de amparo legal, mentres non se elabore un acordo regulador.
Paga extra de decembro de 2012
Por último, o goberno municipal trasladoulle aos representantes do persoal que teñen a intención de facer o pagamento do 26% da paga extra de decembro de 2012, que está pendente de pago, no mes de decembro. Para iso no pasado pleno ordinario do mes de outubro aprobouse por unanimidade o crédito extraordinario 2/2015 e o suplemento de crédito 2/2015, que permitirá dar cobertura ao 26% da paga extra de decembro de 2012. O 50% restante, que tamén está pendente de pago, queda ligado á aprobación do orzamento de 2016.




