Pestanas principais

O Goberno municipal recorrerá a sentenza que anula a modificación da ordenanza do IBI aprobada no pleno extraordinario do 28 de decembro de 2019

Xoves, 01 de outubro de 2020

Esta mañá o alcalde de Ames, Jose Miñones, acompañado polo voceiro do PSdG-PSOE, Blas García, o voceiro do BNG, David Santomil e maila voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, ofreceron unha rolda e prensa na que manifestaron que o Goberno municipal de Ames recorrerá a sentenza que anula a modificación da ordenanza do IBI, que foi aprobada definitivamente por maioría absoluta no pleno extraordinario do pasado 28 de decembro de 2019. Os demais concelleiros e concelleiras do Goberno municipal tamén estiveron presentes na rolda de prensa. Dende o Goberno municipal maniféstase que non se vulneraron os dereitos dos concelleiros/as do grupo municipal de Ames, xa que se intentou notificar en diferentes ocasións a convocatoria dos dous plenos extraordinarios convocados o 27 e 28 de decembro. Anular esta ordenanza podería ocasionar graves consecuencias para a cidadanía como a perda de máis de 700.000 euros do orzamento e a imposibilidade de realización de importantes investimentos ou prestacións de servizos planificados polo Goberno municipal.

A rolda de prensa comezou co alcalde, Jose Miñones, facendo un relatorio dos acontecementos sucedidos arredor da modificación da ordenanza do IBI, que foi aprobada definitivamente por maioría absoluta no pleno extraordinario do pasado 28 de decembro de 2019. O rexedor municipal incidiu en que o Concello de Ames vai a recorrer a resolución xudicial, xa que entende e considera que non se vulneraron os dereitos de ningún concelleiro/a da Corporación municipal. “Non existiu tal vulneración xa que os concelleiros/as do grupo municipal popular eran coñecedores da convocatoria dos dous plenos. Non foi un, senón ata dous intentos de plenos para que asistiran os concelleiros e concelleiras do Partido Popular. Estes deixaron de asistir cunha deixadez de funcións, desde logo, criticable por parte deste Goberno”, dixo Miñones.

O alcalde engadiu “houbo notificacións aos concelleiros e concelleiras vía correo electrónico, vía telefónica, por medio do persoal de confianza do PP de Ames e a través de, ata catro intentos, de notificacións nas propios domicilios. A única realidade é que non quixeron acudir aos plenos como parte dunha estratexia política. A mal intencionada demanda de dereitos fundamentais que presenta o PP é un ataque claro e directo á institución representada, o Concello de Ames e, sobre todo, ao Pleno da Corporación xa que o único obxectivo que se buscaba era anular esta ordenanza fiscal. Deste xeito, anular un acordo maioritario do pleno que estaba tomado en sede plenaria. O que se fixo foi botar abaixo un acordo plenario acadado por unha maioría. Isto é un claro ataque á elección da cidadanía e ao seu voto e un desprezo ao máximo órgano, que é o Pleno”.

Ademais, Jose Miñones aclarou que non vai atender a petición de dimisión “porque considero que é unha manobra orquestrada con premeditación do voceiro do Partido Popular e o seu grupo municipal, xa que non é a primeira vez que actúa deste xeito. Dimitir sería, precisamente, darlle a razón a unha maneira de facer política coa que non estou de acordo e condeno firmemente”.

“Queda claro que o PP de Ames sabía das convocatorias dos dous plenos, que se negaron a recoller, ata en 5 ocasións, as notificacións dos mesmos e que houbo esa manobra planificada durante meses para botar abaixo o acordo plenario. Implicáronse, ademais, a compañeiros do partido para levalo a cabo e non houbo vulneración de dereitos. O único dereito que se vulnerou foi o do acordo lexítimo e maioritario do Pleno da Corporación e con artimañas xurídicas para gañar pola porta de atrás o que non se pode gañar en sede plenaria”.

Miñones lamenta que existan este tipo de manobras e afirma que na política “non todo vale” e condena “a falta total de ética e principios amosada polos membros do Partido Popular de Ames”. Desde o Goberno manifestan “que van seguir traballando polo que realmente lle interesa á cidadanía amesá; a elaboración do Plan de Reactivación económica, sacar adiante as obras e investimentos, mellorar e ampliar a xestión dos servizos municipais, así como resolver os problemas do día a día dos veciños e veciñas”.

Pleno extraordinario o 15 de outubro
O goberno adiantou que se vai convocar un pleno extraordinario para o día 15 de outubro para abordar a modificación da ordenanza do IBI, que incluirá novas bonificacións. Dende o Goberno municipal aplicaranse as medidas necesarias para garantir a ordenanza vixente nas seguintes anualidades e que non se vexan afectadas ante unha posible firmeza da sentenza. Vaise recorrer esta sentenza e serán meses dese recurso, polo tanto, ao longo de 2021, será previsible que saía unha sentenza pero para que non haxa esa inseguridade xurídica de cara 2021 aplicaranse as medidas necesarias para poder aprobar a ordenanza definitiva neste mesmo mes de outubro.

A voceira de Contigo Podemos, Genma Otero, explicou que se vai convocar un pleno extraordinario para o 15 de outubro de 2020 para abordar a aprobación da ordenanza do IBI. “A idea é que o Concello dispoña da seguridade xurídica necesaria ante unha posible sentenza en firme sobre a anulación da modificación da ordenanza do IBI aprobada no pleno extraordinario do 28 de decembro de 2019. As posibles repercusións de dita sentenza poden ser moi gravosas para o conxunto da veciñanza de Ames”. Genma Otero tamén explicou que “actualmente a ordenanza do IBI, que foi modificada por acordo plenario 28 de decembro de 2019, está en vigor porque a sentenza non é firme. A liquidación dos recibos do IBI están xirados. Os veciños terán que facer fronte ao recibos do IBI como calquera outro ano. No momento en que a sentenza sexa firme, no caso de que isto aconteza, estudarase por parte do Concello como se vai facer fronte á posible devolución dos recibos”.

Por outra banda, o voceiro do BNG, David Santomil, explicou que “estamos na primeira fase do estudo desta sentenza e das posibles repercusións legais e económicas que pode ter, non para o Goberno senón para o conxunto da cidadanía de Ames. En primeiro lugar cómpre aclarar que non é unha sentenza en firme. Vamos a recorrer ante o Tribunal Superior de Galicia debido á que hai varios aspectos discutibles sobre as canles de comunicación da convocatoria dos plenos do 27 e 28 de decembro de 2019, e que non compartirmos. Entendemos que si se convocou aos concelleiros e concelleiras do Partido Popular. Unha boa mostra é que sendo 6 grupos na Corporación municipal, 5 deles acudiron aos dous plenos e xustamente un dos grupos municipais non se deu por enterado e non recolleron as notificacións. É preciso artellar solucións para blindar ao Concello deste tipo de trécolas, polo que será necesario dotar ao Concello dalgún sistema de notificacións que o protexa ante aqueles concelleiros que non queiran recoller as notificacións”.

Por último, o voceiro do PSdG-PSOE, Blas García, dixo que “o pasado 28 de decembro de 2019 había dous concelleiros no Pleno que non forman parte do Goberno municipal. Ambos enteráronse dos plenos extraordinario do 27 e 28 de decembro. Estes dous concelleiros abstivéronse neste punto, pero respectaron o resultado democrático. Pídolle aos concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular que volvan a senda da democracia e respecten as decisións democráticas que se adoptan no Pleno do Concello de Ames. O que están a afacer é xudicializar a política e atacar os intereses de todos os veciños e veciñas de Ames, porque este Goberno vai seguir traballando para mellorar os servizos municipais que se lle ofrecen á veciñanza amesá”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames mantiene las tarifas del IBI y recurre la sentencia contra la nulidad del acuerdo"

El Correo Gallego: "Ames apelará el fallo por la subida del IBI sin que Miñones cese"

Lindeiros: "O IBI de Ames pendente do xulgado. Historia dunha liorta"

Revista AmesGo: "Anulada xudicialmente a suba do IBI"

Imaxe da rolda de prensa

Multimedia

  • Imaxe da rolda de prensa
  • Imaxe da rolda de prensa