[19-07-2016] O Concello de Ames acaba de publicar un bando sobre a importancia da moderación no consumo e o uso responsable da auga durante a época estival. Deste xeito, faise un chamamento á veciñanza amesá para que realicen un consumo responsable de auga. Debido a vaga de calor durante este mes de xullo comezaron a detectarse os primeiros problemas de abastecemento de auga. Debido a iso, o goberno municipal adoptou unha serie de medidas para reducir o consumo de auga. Ademais, ínstase aos veciños e veciñas a facer un uso responsable deste recurso natural.
O mes de xullo está sendo moi seco, con precipitacións menores ao habitual, e ante un período estival que segundo os prognósticos da AEMET vai ter temperaturas altas, o Concello de Ames insta aos veciños e veciñas a facer un uso responsable da auga. A vaga de calor destas semanas xa está provocando que se produzan os primeiros problemas no abastecemento de auga.
O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, indica que “na xornada de onte detectáronse problemas e escaseza de auga nos depósitos do Milladoiro, de Aldea Nova e de Castiñeiro do Lobo. Este último, tamén subministra auga ao concello de Brión. Para evitar que estes depósitos quedasen sen auga o que se estivo facendo foi un proceso de apertura e pechado, para que se fora acumulando auga nestes depósitos e evitar que quedaran baleiros”.
“Aínda así trátase dun problema puntual debido ao excesivo consumo de auga e as altas temperaturas que estamos tendo durante este mes de xullo. Neste días o consumo de auga, imprescindible nas nosas vidas, aumenta en exceso o que, acompañado de condicións meteorolóxicas adversas, pode dar lugar a unha diminución nos caudais e as conseguintes medidas restritivas e correctoras de auga, apunta Blas García.
A implicación e participación veciñal no coidado deste recurso é imprescindible para acadar un bo resultado e por iso o Concello de Ames fai un chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga. Deste xeito, dende o Concello trátase de concienciar aos veciños e veciñas de que é necesario adoptar unha serie de pautas e bos comportamento para reducir o consumo de auga como poden ser evitar o exceso no consumo de auga potable nos usos domésticos e industriais; non facer baleirado de piscinas; empregar rego por goteo e non lavar os coches con mangueiras de auga potable.
Medidas para reducir o consumo de auga
Dende o propio Concello tamén se adoptaron unha serie de medidas para reducir o consumo de auga como son controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, falouse coa empresa Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza, para que reduza a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos de limpeza que realiza polas rúas, beirarrúas e nas prazas municipais.
Todas estas accións e medidas están encamiñadas para reducir o consumo de auga durante está época estival. A auga é un ben colectivo e está en mans de todos e todas garantir o seu subministro na cantidade e calidade axeitada. Por último, o edil de Servizos Básicos, lembra que “se algún veciño ou veciña detecta a existencia de avarías ou fugas no sistema de subministro de auga municipal, por favor póñase en contacto co Concello para solucionalo o máis axiña posible”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames pide a la población que modere el consumo de agua"
La Voz de Galicia: "El Concello pide a los vecinos un buen uso del agua y reduce el riego de jardines"




