Pestanas principais

O Goberno municipal reclámalle á Xunta de Galicia que recolla nos orzamentos de 2016 as necesidades máis urxentes que ten Ames

Venres, 23 de outubro de 2015

[23-10-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e os voceiros dos grupos municipais de PSdeG-PSOE, Blas García, Contigo Pódese, Genma Otero, e BNG, David Santomil, compareceron esta mañá ante os medios de comunicación para dar a coñecer a postura do goberno ante a carencia de partidas orzamentarias para o Concello de Ames nos presupostos da Xunta de Galicia de cara ao exercicio 2016. Dende o goberno municipal catalogan de “intolerable e indignante” que a Xunta non inclúa unha partida nos seus orzamentos para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. O rexedor municipal fíxolle unha invitación pública ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade para que vexan de primeira man a necesidade que teñen os veciños do Milladoiro de dispoñer dun novo ambulatorio.

“A situación é moi grave e xa se pode catalogar de intolerable, porque por terceiro ano consecutivo a Xunta de Galicia non dedica nin un só euro ao Concello de Ames nos seus presupostos”, así abriu a rolda de prensa o alcalde de Ames. E continuou dicindo “dende que chegamos ao goberno intentamos facerlle ver á Xunta de Galicia as necesidades que ten Ames. Unha das primeiras actuacións que fixemos foi enviarlle unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núnez Feijóo, o pasado 16 de xuño para tratar temas de gran importancia para Ames co obxectivo de que fosen incluídas partidas orzamentarias de cara ao exercicio 2016 para poder executar estes proxectos”.

Debido a que esa primeira solicitude non tivo resposta por parte da Administración autonómica, o pasado 23 de setembro, o alcalde de Ames, José Miñones, en nome de todo o Goberno municipal envioulle unha segunda carta ao presidente da Xunta de Galicia, onde se detallaban as necesidades de Ames co fin de que as tiveran en conta no momento da elaboración dos orzamentos de 2016.

O rexedor municipal incide en que “a principal necesidade que ten o concello de Ames é a construción dun novo centro de saúde para os veciños e veciñas do Milladoiro. Este é o núcleo urbano máis grande do concello de Ames cunha poboación superior aos 13.000 habitantes, e se se ten en conta a súa contorna, o número de usuarios e usuarias do centro de saúde ronda os 16.000”.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “nos orzamentos do ano 2013 existía unha partida de máis de 2.700.000 euros para esta obra, que ademais foi compromiso da consellería de Sanidade. Esta partida non se executou e foi retirada dos orzamentos seguintes. A construción dun novo dispensario é unha reclamación histórica e unha necesidade imperiosa, xa que o actual non ten nin capacidade, nin condicións para acoller e tratar a todos as pacientes que o necesitan”.

A voceira do grupo municipal de Contigo Pódese, Genma Otero, incidiu na mesma liña e manifestou que “dende hai anos estáselle pedindo á Xunta de Galicia a súa colaboración para que inclúa nos seus presupostos varias partidas orzamentarias para abordar varios proxectos que son moi necesarios para a veciñanza do noso concello. Ames é un dos concellos de Galicia que maior crecemento experimentou nos últimos anos e iso non se recolle nos presupostos autonómicos. Estamos indignados xa que non se incluíu unha partida para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro, unha infraestrutura que é prioritaria e básica para todos os veciños e veciñas desta localidade que conta con 12.300 habitantes (o 41% da poboación amesá)”.

Sobre este asunto, José Miñones tamén incidiu en que na reunión mantida coa ex-conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, obtívose o compromiso de darlle a máxima prioridade á construción deste centro de saúde, xa que se atopa entre os cinco ambulatorios con maior necesidade de toda Galicia.

Solicitude dunha nova xuntanza co novo conselleiro de Sanidade
Ademais, o alcalde destaca que “xa temos solicitada unha nova xuntanza co novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para abordar este e outros temas como o centro de saúde de Bertamiráns, que necesita unha actuación urxente, xa que nos últimos 25 anos non se realizou ningún tipo de obra de mellora. Este centro está desbordado, xa que atende a preto de 18.000 usuarios e usuarias. Carece de elementos básicos e reiteradamente reclamados como a modificación da zona administrativa ou a colocación dun ascensor. É recomendable a realización dun estudio de necesidades e adaptación dos espazos para cubrir e atender a demanda que ten na actualidade”.

Outra das necesidades que se lle plantexa ao presidente da Xunta é a ampliación da depuradora de Sisalde. Esta ampliación foi prometida e anunciada no ano 2012 sendo conselleiro de Medio Ambiente, Transporte e Infraestruturas, Agustín Hernández. Tamén se solicita o arranxo e mellora dos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Ames. O concello de Ames crúzano dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Portugués, que pasa polo Milladoiro, e o Camiño Real ou Camiño a Fisterra que pasa por varias parroquias amienses. É necesario realizar actuacións de mellora, tanto do propio camiño como na sinalización do mesmo.

Ademais, xa se realizou a petición de que se rematen as beirarrúas da estrada Roxos- Portomouro, no lugar de Piñeiro ata o límite con Val do Dubra. Unha reclamación dos veciños e veciñas de Piñeiro, os cales, dada a proximidade de Portomouro realizan moita da súa actividade neste concello e polo cal se desprazan a pé ata a localidade. Segundo as estimacións do goberno é necesario construír unha beirarrúa duns 200 metros aproximadamente. Por último, solicitouse colaboración para a posta en funcionamento do cemiterio municipal e a construción dun parque comarcal de bombeiros, que é unha necesidade básica para os concellos da comarca de Santiago.

Eido educativo
No apartado educativo, reclamouse a necesidade de arranxar e pechar os pavillóns polideportivos e as pistas dos colexios e do IES de Ames. Segundo explica o concelleiro de Educación, David Santomil, “esta é unha demanda que nos están a facer todas as ANPAS do concello de Ames, debido a meteoroloxía de Galicia, non sempre se pode facer uso deles”. Santomil tamén explicou que se solicitou unha nova reunión co conselleiro de Educación para abordar a futura ampliación ou a construción de novos centros de ensino en Ames.

O voceiro do BNG e edil de Cultura e Educación anunciou “que se van presentar no parlamento varias emendas aos presupostos da Xunta para que se recollan as necesidades que temos no noso concello”. David Santomil tamén incidiu en que “Ames necesita un Centro de Día xa que moitas persoas teñen que acudir ao concello de Rois para poder dispor deste servizo”.

O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Blas García, fixo un chamamento aos grupos da oposición para que se sumen as reclamacións que se están facendo dende o goberno municipal. Deste xeito, explicou “vamos a presentar unha moción, para presentar na Xunta de Galicia e no parlamento galego, na que se recollan as necesidades máis urxentes e prioritarias que ten o Concello de Ames”.

Por último, Blas García, indicou que “unha vez máis a Xunta de Galicia estalle dando as costas ao Concello de Ames, pero nós non vamos a ser un goberno mudo e vamos a defender os intereses dos amesáns. O presidente da Xunta debería demostrar o compromiso que ten cos nosos veciños e vir a Ames a coñecer as necesitades que temos”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El gobierno amiense exigirá a la Xunta partidas en los presupuestos para proyectos pendientes"
El Correo Gallego: "O Goberno municipal reclámalle á Xunta que recolla nos orzamentos de 2016 as necesidades máis urxentes de Ames"
El Correo Gallego: "Ames tilda de intolerable que a Xunta non inclúa nos orzamentos un novo centro de saúde para O Milladoiro"