[26-11-2011] As rapazas da escola pública de Worcester, que participan nun programa de intercambio co IES de Ames, foron recibidas polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey e o concelleiro de Turismo, Bernardo Moar. Trátase de 9 rapazas dunha escola pública do Condado de Worcester, situado preto de Birminghan, que foron acollidas nas casas de varios alumnos e alumnas do instituto amiense. As rapazas inglesas chegaron a Ames o pasado 18 de novembro e volven para as súas respectivas casas o 25 de novembro. O programa de intercambio ten como obxectivo facilitarlles aos participantes un contacto directo coa realidade lingüística española e inglesa, así como coñecer un lugar e unha cultura distintos.

Benvida do alcalde
O alcalde de Ames, Santiago Amor, deulles a benvida ás mozas e felicitou ao IES de Ames por este programa de intercambio e outros que desenvolven ao longo do curso. O rexedor municipal incidiu en que "este tipo de programas permiten coñecer outras sociedades, culturas e idiomas. O coñecemento de linguas é un dos aspectos que hai que fomentar porque nos pode axudar na nosa vida profesional e persoal". Santiago Amor preguntoulles ás mozas se xa sabían situar no mapa de España o concello de Ames e rematou desexándolles que leven un grato recordo de Ames.
Finalizado o acto, o alcalde e os concelleiros/as entregáronlles a todos os mozos e mozas uns agasallos. Nos próximos meses esta previsto que os alumnos/as de Ames vaian de intercambio ao College de Worcester.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, xunto coa concelleira de Xuventude, María González, o concelleiro de Cultura, Alfonso Rey e o concelleiro de Turismo, Bernardo Moar recibiron no Salón de Plenos do Concello ás rapazas que participaron no programa de intercambio entre o College Worcester e o IES de Ames. Trátase do primeiro ano no que se leva a cabo esta actividade de intercambio lingüístico e cultural con este colexio en concreto.
No programa de intercambio participaron nove rapazas inglesas, así como un profesor e unha profesora que viñeron acompañándoas. Chegaron o pasado venres, 18 de novembro, e marcharon de volta o 25 de novembro. Ademais de ir á clase e estar coas familias de acollida fixeron varias visitas pola xeografía galega. Primeiro estiveron na cidade da Coruña, onde visitaron a Torre de Hércules, o casco antigo, o Aquarium Finisterrae e ao centro comercial Marineda City. Tamén foron ás Rias Baixas para visitar as vilas de Combarro, A Lanzada, a illa da Toxa e Cambados. Outra das visitas fixérona a Santiago de Compostela, onde ademais de visitar a zona vella, a catedral e a praza do Obradoiro, tamén fixeron unha visita guiada ao museo do pobo galego.
Antes de regresar as súas respectivas casas as nove rapazas pasaron pola Casa do Concello onde foron recibidas polo goberno municipal. Nesta recepción tamén participaron os rapaces e rapazas de Ames que acolleron nas súas casas ás rapazas inglesas, así como a directora do IES de Ames, Marisol Louro, e dous profesores/as deste centro de ensino. Os profesores ingleses tiveron unha mención especial á comida galega, da cal manifestaron que lles gustou moito.




