[08-05-2017] O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e de varios edís dos grupos políticos con representación na corporación municipal recibiron no salón de plenos da Casa do Concello aos equipos de fútbol sala das EDM das categorías xuvenil e infantil, que quedaron campións de fútbol sala da Liga de Santiago, e ao equipo da categoría cadete que quedou subcampión. Estes tres equipos son xestionados polo Milladoiro SD. Ademais, o equipo alevín de fútbol sala das Escolas deportivas, xestionado polo Bertamiráns FC, proclamouse campión provincial e subcampión galego, despois de ser tamén campión da Liga de Santiago.
Os equipos das Escolas Deportivas Municipais seguen conseguindo éxitos. Neste caso foron os da modalidade de fútbol sala que lograron tres campionatos e un subcampionato. Os equipos das categorías xuvenil, cadete e infantil lévaos o Milladoiro SD. O equipo xuvenil gañou a final de Liga contra o equipo de Compañía de María; o equipo cadete quedou subcampión tras perder na final ao Burgo de Santiago; e o equipo infantil quedou campión despois de vencer ao Santiago Fútsal. Os tres equipos foron recibidos a semana pasada no salón de plenos da Casa do Concello despois dos éxitos acadado esta temporada.
Por outra banda, o equipo alevín de fútbol sala das EDM de Ames, xestionado polo Bertamiráns FC, revalidou o campionato de Liga da zona de Santiago tras vencer na final ao Santiago Fútsal por 6-2. Ademais, este equipo proclamouse campión provincial ao gañar na final por 7 a 3 ao equipo de exalcohólicos da Coruña, e quedaron subcampións galegos. Este domingo, 7 de maio, xogaron na Coruña a final galega. No partido de semifinais gañáronlle ao Ancoradoiro de Pontevedra (campión da provincia de Pontevedra) por 13 a 4, e na gran final, que disputaron contra as Escolas deportivas de Ourense (campión da provincia de Ourense) perderon por 1-3.





