Pestanas principais

O goberno municipal recibe a Alejandro e Nerea Cereijo, campión e campioa no campionato galego de xadrez sub-8

Venres, 01 de abril de 2016

[01-04-2016] Esta xoves pola tarde, ás 19:00 horas, o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, acompañado de varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal recibiron no salón de Plenos da Casa do Concello aos irmáns Alejandro e Nerea Cereijo, que se proclamaron recentemente campión masculino e campioa feminina na categoría sub-8 do campionato galego de xadrez. Ambos irmáns representarán a Galicia no campionato nacional de xadrez, que se celebrará a finais do mes de xuño na localidade granadina de Salobreña.

Os irmáns Cereijo residen no Milladoiro e forman parte do club de xadrez do colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela, onde tamén cursan actualmente o segundo curso de educación primaria.

Os días 19 e 20 de marzo competiron no campionato galego de xadrez, que reuniu en Padrón a máis de 220 xogadoras e xogadores de distintas categorías. Alejandro Cereijo foi o que obtivo o mellor resultado da categoría sub-8, gañando sete das oito partidas que se xogaron ao longo da fin de semana. Nerea Cereijo obtivo o mellor resultado da categoría feminina proclamándose tamén campioa.

Previamente, no mes de xaneiro, Nerea Cereijo, gañou o campionato provincial tras gañar todas as partidas que xogou excepto a que a enfrontou co seu propio irmán na quinta rolda. Por outra banda, Alejandro Cereijo, proclamouse campión provincial de xadrez ao gañar en catro das seis partidas que xogou, facendo táboas na segunda ronda, e foi quen de vencer ao número 1 do ránking da categoría sub-8.

Recepción feita polo Concello
Na recepción feita por parte do Concello de Ames, os rapaces estiveron acompañados de seu pai, Nicolas Cereijo, e do seu adestrador, Marco Porto. Os nenos foron recibidos polo alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno Blas García, Isabel González, David Santomil e Genma Otero, así como do edil de Ames Novo, Roberto Amarelle.

En dita recepción o alcalde fíxolle entrega aos rapaces dun pequeno obsequio e estivo repasando os éxitos tanto de Nerea como de Alejandro co seu pai e co seu adestrador. Ademais, os rapaces regaláronlle ao rexedor municipal unha camiseta do club de xadrez do colexio Manuel Peleteiro, onde militan actualmente.

Irmán e irmá representarán a Galicia na categoría sub-8 do campionato de España de xadrez. O torneo nacional terá lugar na localidade granadina de Salobreña, e as roldas nas que compiten Alejandro e Nerea desenvolveranse ao longo dos días 23, 24, 25 e 26 de xuño. O domingo 26, ás 14:00 horas, darase a coñecer os nomes das persoas gañadoras do torneo.