Pestanas principais

O goberno municipal recepciona o viario da rúa do Muíño Vello que permite dispor dun novo acceso pola parte traseira do IES de Milladoiro

Martes, 14 de marzo de 2017

[14-03-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron o novo viario da rúa Muíño Vello que acaba de ser recepcionado por parte do Concello. O acondicionamento desta vía permitiu habilitar un novo punto de acceso para o alumnado, o transporte escolar e efectivos de emerxencias ao IES do Milladoiro. Dende a súa apertura este instituto só dispoñía dun único acceso pola Travesía do Porto. Ao mesmo tempo conectouse o instituto á rede de saneamento pública. A apertura deste viario tamén permite dispoñer dun novo acceso ao polígono Novo Milladoiro dende a estrada de Ventín.

As autoridades municipais, acompañados da arquitecta municipal, do director do IES do Milladoiro, membros das ANPAS do instituto, do director de obra e de membros da empresa que executou ditas obras, achegáronse a rúa Muíño Vello para comprobar que os traballos de acondicionamento deste viario se realizaron correctamente. Estas obras foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL por un importe de 86.057 euros (IVE incluído). Este proxecto sufragouse a través do plan provincial PAS-Convenios 2015.

A través destas obras construíuse un viario dende a avenida Muíño Vello ata a estrada de Ventín para crear unha nova saída dende o polígono Novo Milladoiro. Desta forma a parte oeste do núcleo urbano do Milladoiro está conectada directamente co parque empresarial, alixeirando o tráfico que cruza cada día a avenida de Rosalía de Castro, eixe central do Milladoiro. Estes traballos incluíron o acondicionamento da explanación e o posterior afirmado dun tramo de 240 metros, a execución de gabias para a recollida da auga pluvial e a colocación de sinalización viaria.

Ademais, cómpre salientar que a construción deste viario permite dispor dun novo punto de acceso á parte traseira do IES do Milladoiro. Está previsto que de cara ao próximo curso os autobuses do servizo de transporte escolar deixen aos alumnos/as e alumnas nesta nova entrada ao instituto. Ademais, servirá para dar acceso aos vehículos de emerxencias e seguridade, así como ao propio alumnado. Para habilitar este punto de acceso houbo que minorar a cota do terreo neste lugar e cambiar de lugar o portal que existía. O novo punto de entrada determinouse entre os técnicos municipais e os da Consellería de Educación. Ademais, a propia Xunta realizou unha rampla de acceso neste lugar. Con esta actuación dáse resposta a unha reclamación que ven facendo dende hai tempo a comunidade educativa deste centro.

Melloras da seguridade viaria
Unha vez recibida esta obra, o goberno municipal ten previsto cubrir a marxe dereita da nova vía, que baixa cara Ventín, co obxectivo de realizar unha senda peonil, e no futuro poder meter por esa marxe do viario, as canalizacións da recollida de pluviais e os cables do sistema de alumeado público. Ademais, nesta rúa vanse a realizar melloras na seguridade viaria, xa que nesta zona está situada a nova igrexa do Milladoiro, que se vai a inaugurar este domingo 19 de marzo. Así, vanse a pintar novos pasos de peóns e realizar cambios nas prazas de estacionamento. Por último, haberá que habilitar unha praza de estacionamento para o transporte escolar do instituto. Estes traballos executaranse con fondos propios do Concello.

Ao mesmo tempo, aproveitando estas obras, habilitouse no IES unha conexión á rede de saneamento pública. Dende a apertura deste centro de ensino secundario estívose utilizando unha fosa séptica que contaba cun sistema de bombeo. Os gastos de funcionamento de dito sistema estaban sendo asumidos polo propio instituto. Deste xeito, o que se fixo foi darlle saída a rede de pluviais e fecais para conectalo co sistema de saneamento público, e así evitar que dende o centro seguiran asumido os custes deste servizo. Estes traballos tiveron un custo aproximado de 5.000 euros e foron sufragados con fondos propios do Concello.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Terminan las obras del acceso posterior al IES de Milladoiro por Muíño Vello"