Pestanas principais

O goberno municipal realiza unha enquisa para estudar a viabilidade de implantar programas de conciliación nas escolas unitarias de Covas e Ortoño

Luns, 13 de marzo de 2017

[13-03-2017] O Concello de Ames comezou a difundir nas escolas infantís unha enquisa de satisfacción coas escolas unitarias de Covas e Ortoño, para estudar a posibilidade de implantar programas de conciliación como o servizo municipal de comedores escolares. O goberno municipal informou ás familias da existencia de dúas escolas públicas de ensino infantil para nenos de 3 a 6 anos de idade. Están a realizarse dúas enquisas: unha para coñecer o nivel de satisfacción dos usuarios/as e outra dirixida a pais/nais que están pensando en escolarizar aos seus fillos/as nestas escolas. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou as escolas unitarias para dar a coñecer esta enquisa que se desenvolverá durante esta semana, ata o venres 17 de marzo.


A través desta iniciativa o goberno municipal pretende dar a coñecer e informar da existencia destas escolas, aos pais e nais con fillos e fillas con idades escolares comprendidas entre 3 e 6 anos. Esta campaña desenvolverase durante o prazo de matrícula para o vindeiro curso 2017-2018. Os formularios repartíronse nas escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena e nas escolas infantís da Rede Galiña Azul, así como nas dúas unitarias de Covas e Ortoño.

O Concello de Ames dispón dunha Rede Municipal de Comedores Escolares. Trátase de coñecer as necesidades reais e potenciais da implantación de programas de conciliación que axuden a estabilizar o nivel de alumnado nestas escolas de menores dimensións, situadas no ámbito rural.

O concelleiro de educación e Cultura, David Santomil, explica que “o apoio ás escolas unitarias representa a necesidade de apostar polo rural do concello. Consideramos que a posible implantación de programas de conciliación e do servizo municipal de comedores podería favorecer a continuidade destas escolas e incrementar o número de alumnos/as, o que tamén revirte no desenvolvemento do rural e das parroquias. Mediante esta enquisa queremos saber a opinión das familias e o seu interese por este tipo de servizos”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames apuesta por la conciliación para atraer niños a las unitarias"