Pestanas principais

O goberno municipal publica unha nova convocatoria de subvencións para a promoción do comercio no Nadal

Mércores, 27 de decembro de 2017

[27-12-2017] Este pasado martes, 26 de decembro, saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que regulan a convocatoria de subvencións para a promoción do comercio durante o Nadal de 2017. Esta nova liña de axudas, dotada de 30.000 euros, está incluída dentro do plan estratéxico de subvencións para os exercicios 2017, 2018 e 2019 aprobado en pleno o pasado 29 de maio de 2017. Poderán ser subvencionados ata un máximo do 80% as actividades de promoción comercial no Nadal realizadas por asociacións de comerciantes entre o 1 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018. O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no BOP. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria de axudas.

O Concello de Ames pon por primeira vez a disposición das asociacións de comerciantes unha liña de subvención de concorrencia competitiva para a promoción das actividades organizadas durante a época de Nadal. Deste xeito, poderán financiar ata un máximo do 80% do custo de dita programación (ata alcanzar un máximo de 30.000 euros). Esta convocatoria de axudas únese á convocatoria de subvencións para a promoción do comercio local correspondente ao exercicio 2017 dotada de 40.000 euros. Así, durante este exercicio o Concello destinará un total de 70.000 euros ao fomento do comercio local.

As actividades de promoción comercial no Nadal serán as de publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos, e aquelas actividades destinadas a promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade no Concello de Ames, durante a campaña de Nadal. Os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados entre o 1 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018. Os gastos subvencionados deberán ser destinados a labores propias da asociación e dos establecementos asociados.

A Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, a través desta convocatoria, proponse achegar ao comercio amesá o maior número posible de clientes, empregando para elo ós colectivos como instrumento para acadar este fin; mellorar a calidade da actividade comercial do concello; e fomentar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do Concello, programada e desenvolta polas entidades asociativas do sector.

Para a consecución dos obxectivos estratéxicos establécense dúas liñas de actuación como son: primar actividades abertas á participación do comercio en xeral, e non só aos membros de cada un dos solicitantes; e acadar o autofinanciamento das entidades, primando a aquelas que acheguen unha maior porcentaxe de fondos propios ao desenvolvemento das actividades.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro telemático da sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/) ou no rexistro de calquera administración pública adherida a plataforma de intercambio rexistral (SIR) ou en calquera outro rexistro público dos que se refire o artigo 16 da lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.