Pestanas principais

O goberno municipal publica un boletín informativo para dar conta da súa xestión ao longo destes dous anos de lexislatura

Luns, 27 de novembro de 2017

[27-11-2017] A pasada semana repartiuse nos fogares amesáns o novo boletín municipal 94Kmª. Trátase dunha publicación de carácter semestral cuxo obxectivo é render conta á veciñanza de Ames da xestión do Concello. Cun coidado deseño, os seus contidos foron realizados integramente polo Departamento de Comunicación do Concello de Ames. Premendo no enlace que está á dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o boletín 94kmª.

Un dos puntos recollido no Acordo de Investidura do actual alcalde José Miñones, asinado por Ames Novo, BNG, Contigo Pódese e PSDG-PSOE, referíase á necesidade de facilitar información sobre o goberno municipal e a súa xestión, así como ao compromiso claro do funcionamento municipal dos medios de comunicación do Concello.

A información actualizada sobre o Concello pódese consultar diariamente na web www. concellodeames.gal e nos perfís de Facebook e Twitter do Concello facebook.com/concelloames e twitter.com/concelloames. Así mesmo, Ames Radio (107.2 FM) ofrece de luns a venres unha programación centrada nas actividades que desenvolven en Ames o Concello, o goberno e os diversos grupos políticos, así como as asociacións, as empresas, os centros de ensino, as persoas de xeito individual, etc. 

Porén, malia isto, faltaba un medio municipal para completar a información, que ofrecese unha panorámica das principais iniciativas desenvolvidas polo Concello con certa perspectiva do tempo, xa que mesmo para as persoas que teñen acceso diario á información, non é doado facerse unha idea da xestión municipal de conxunto con todas as novas do día a día en materia de obras, educación, deportes, medio ambiente, servizos sociais, facenda, emprego, mocidade, lingua, cultura, etc. Ademais, contar cun concello de 94 kmª , con dous núcleos urbanos e un amplo rural dificulta coñecer as iniciativas dun xeito global.

Por outra banda, cumpría achegar información a toda a poboación de Ames, independentemente de que conte con acceso a Internet ou poida escoitar a radio. “Toda a veciñanza ten dereito a saber que se está facendo cos seus impostos e precisamente algunhas iniciativas, como a renda social, diríxense a persoas que, pola súa situación socio-económica, están máis faltas de información”, sinala Isabel Vaquero, concelleira de Comunicación.

O novo boletín 94 kmª toma o nome da superficie total do Concello, facendo unha chiscadela co “a” da imaxe gráfica de Ames. “En Ames contamos con nomes marabillosos que ben podían servir para titular a publicación; pero queriamos evitar xogar co propio nome de Ames, que xa figura en revistas gratuítas que se publican no Concello. Ademais, queriamos un título que dese conta da globalidade e da unidade de Ames, alén do Milladoiro, de Bertamiráns e do rural”, indica a concelleira de Comunicación.

A empresa de deseño gráfico e comunicación Uqui resultou encargada do deseño da publicación. O Departamento de Comunicación do Concello encargouse da elaboración dos seus contidos (agás a portada), logo dunha escolma das novas máis importantes publicadas na web en relación coa xestión municipal. Do boletín tiráronse 14.000 exemplares, en función das vivendas ocupadas en Ames.