[23-12-2015] As concelleiras de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, e de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, veñen de manter unha xuntanza esta semana con concelleiros/as de Teo, Brión e Negreira, para estudar, xunto coa Asociación "Só lles falta falar", a posibilidade de poñer en marcha unha serie de obradoiros e aulas en torno á educación e á tenza responsable dos cans nos fogares, así como a súa integración na sociedade. Para iso preténdese desenvolver un traballo conxunto para desenvolver un programa de convivencia e terapia asistida.
A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, reuníronse esta semana cos concelleiros Ignacio Iglesias, do municipio de Teo, Yolanza Bouzas, concelleira de Brión, e María del Mar García, concelleira de Negreira, para achegarlles estas propostas e ofrecerlles a posibilidade de sumarse a esta iniciativa e de aproveitar as sinerxías existentes. Nesta xuntanza tamén participaron membros da asociación "Só lles falta falar".
Dende a concellaría de Servizos Sociais e Igualdade estase estudando a posibilidade de organizar obradoiros divididos en bloques: un no que se presenten os "cans de familia" como unha alternativa de compaña e coidado para aquelas persoas que viven soas e noutro no que se trate o papel dos "cans terapéuticos na sociedade". O goberno municipal quere así mesmo levar a cabo programas de inclusión ou obradoiros de terapia cognitiva con cans.
Por outra banda, dende a concellería de Medio Ambiente estase estudando a creación de diversas liñas de actuación para fomentar entre os amesáns e amesás a tenza responsable de cans e a súa integración na sociedade, buscando a óptima socialización dos "cans de familia" nos espazos públicos.
A educación de nenos e nenas nas escolas sería unha parte importante no eido do programa correspondente ao departamento de Medio Ambiente, buscando sobre todo que os máis pequenos aprendan a achegarse aos animais recoñecendo as sinais de perigo real daquelas que non o son, ou concienciando aos adolescentes propietarios de cans potencialmente perigosos da importancia do adestramento e da correcta educación dese tipo de animais.
A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, explica que “a educación en positivo é esencial para poder inculcar un novo modelo de convivencia coas mascotas. Polo que a través de diferentes obradoiros divulgativos e participativos apostaremos pola correcta socialización e integración dos cans de familia na sociedade e nos espazos públicos”.




