Pestanas principais

O goberno municipal pretende aprobar os pregos técnicos do Ciclo integral da auga no pleno de abril

Sábado, 09 de abril de 2016

[09-04-2016] Esta semana tivo lugar unha nova reunión da comisión do ciclo integral da auga. Nela pecháronse os pregos que van rexer o concurso público de licitación dun novo contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga do Concello de Ames. Aínda así, tanto o goberno como os partidos da oposición farán unha última revisión deste documento antes de que vaia a Pleno. O rexedor municipal, José Miñones, incidiu, despois da reunión, na importancia de "pechar canto antes este proceso, para poder comezar a licitación dun servizo básico como é a auga".

A empresa Idom Ingeniería y Consultoría S.A, encargada da elaboración dos pregos, estivo presente na reunión para aclarar canta dúbida xurdira ao longo da xuntanza. O derradeiro borrador dos pregos, no que foron incluídas as achegas dos grupos políticos municipais, foi revisado e repasado folio a folio. A petición do departamento de Tesourería o goberno incluíu unha serie de matizacións no documento. José Miñones mostrouse satisfeito ao considerar que "estamos ás portas de conseguir aprobar os pregos de licitación do servizo do Ciclo integral da auga gracias ao traballo de todos estes meses".

Así o documento que recolle os pregos técnicos e administrativos do Ciclo integral da auga está listo, aínda que terá que ser revisado por derradeira vez por parte do goberno municipal e dos grupos políticos municipais. O goberno quere levar os pregos ao pleno deste mes de abril. Ademais de aprobar e sacar a concurso público o contrato deste servizo, paralelamente, someterase a aprobación a nova ordenanza do servizo de abastecemento e saneamento, adaptándoa ao novo sistema.

O borrador desta ordenanza, redactada polo departamento municipal de Tesourería, será remitido, tamén o luns, á oposición. Nel recóllense as bases dun novo sistema de tarifas que procura beneficiar ás persoas e entidades usuarias cunha tarifa que premie o aforro de auga. Este sistema establece un prezo do metro cúbico menor canto máis baixo é o consumo de auga. O establecemento dun prezo mínimo, por debaixo do actual, beneficiará aos consumos máis pequenos.

Nun debate previo sobre o sistema de tarifas o Partido Popular entregou unha proposta, á que se lle respondeu informando das dificultades de beneficiar aos grupos de consumo que nela prantexaban. A pesar dos impedimentos estudaranse vías para modificar e distinguir o consumo industrial do doméstico, a través dunha cota máis diferenciada.

Esta proposta, presentada o luns aos grupos políticos, estima un beneficio no abastecemento para o 73,34% da poboación de consumo doméstico, mentres que o beneficio para os consumidores comerciais, as persoas propietarias de establecementos, ascende ao 88,39%. O 64% dos aboados ou aboadas que fan un consumo industrial do abastecemento de auga beneficiaranse destas tarifas, así como máis do 80% dos aboados e aboadas que fan o consumo para a realización de obras.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"En busca de apoyos para poder aprobar en abril los pliegos del agua y fecales"