[18-12-2017] Esta mañá o goberno municipal de Ames ofreceu unha rolda de prensa na que informou que no vindeiro pleno ordinario de decembro vai a presentar unha moción na que se rexeita a construción da EDAR no lugar de O Souto. O alcalde de Ames, José Miñones, anunciou que o Concello de Ames presentará alegacións ao proxecto desta infraestrutura. Na moción amósase o apoio aos veciños e veciñas de Ames nas súas reivindicacións contra a ubicación de dita EDAR, realizar todas as medidas legais e administrativas pertinentes en contra da construción de dita EDAR, solicitar que as administracións competentes realicen os estudos e investimentos necesarios para a modernización e mellora da actual EDAR de Silvouta e solicitar a convocatoria urxente da Comisión de seguimento para darlle conta ao Concello de Ames das actuacións realizadas ata o día de hoxe. A dita rolda de prensa asistiron membros da asociación de veciños e veciñas de Quistiláns e da Plataforma pola recuperación do río Sar.
Proceso de avaliación de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o Concello de Ames non foi consultado no proceso de avaliación de impacto ambiental no anteproxecto da nova EDAR de Santiago de Compostela de O Souto, que foi publicado no BOE do 27 de xuño de 2014. Asemade, o estudo de impacto ambiental realizado para o novo emprazamento no Souto non tivo en conta ao Concello de Ames.
Nas alegacións presentadas ao anteproxecto de O Souto existen informes e advertencias de calado sobre a elección do emprazamento, chegando a informarse por parte da propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia que o lugar de implantación das alternativas 1A e 1B (EDAR en Silvouta con diferentes tratamento) “é o máis axeitado para a implantación da EDAR, xa que pola súa ubicación non suporá un impacto paisaxístico destacado na zona”. Engaden dende a Xunta que a alternativa 1B (Silvouta con tecnoloxía compactada con membrana) suporía un menor movemento de terras e de ocupación de espazo polo que a afección paisaxística considerase menor.
A este informe da Xunta súmase outro propio do Concello de Santiago do servizo municipal de programación e proxección. Este servizo sinala que as novas alternativas de emprazamento no Souto supoñen un maior impacto polos movementos de terra. Ademais, informan que a maior cota de implantación, en relación á do río, suporía un maior consumo enerxético, tanto pola tecnoloxía a empregar, como pola necesidade de bombeo que chegue ao emprazamento, o que suporía un importante incremento de custes.
O concelleiro de Educación e Cultura, que ten delegadas as competencias de promoción do patrimonio, indicou “hai que poñer en valor todo o ecosistema desta zona, así como o valor cultural, patrimonial e arqueolóxico deste lugar. Un exemplo disto é a Ponte Cabirta e mailo patrimonio arqueolóxico que existe neste lugar. En 2011 o goberno municipal de Santiago modificou, froito dun compromiso electoral, a ubicación desta nova EDAR sen ter en conta as garantías xurídicas, ambientais e patrimoniais dun macroproxecto como é que se pretende executar no lugar de O Souto”.
Mellora da EDAR de Sisalde
Por outra banda, nesta rolda de prensa o rexedor municipal tamén lembrou a necesidade de ampliar a depuradora de Sisalde que presta servizo aos concello de Ames e Brión. “Ao chegar ao goberno no ano 2015 solicitámoslle á Consellería de Medio Ambiente a posibilidade de consultar o anteproxecto de ampliación da Estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Sisalde, pero nunca tivemos esa posibilidade. A pesar diso, cremos que hai un compromiso encima da mesa adquirido polo anterior conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, no ano 2012 co Concello de Ames. Ademais, levamos tempo demandando unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente, para abordar a ampliación desta infraestrutura, pero a pesar de non ter resposta sobre este asunto vamos a seguir insistindo nesta mesma liña”.
O alcalde de Ames, José Miñones, comezou dicindo que “é evidente a necesidade de depuración do río Sar, sendo Ames e os concellos polos que discorre dito río, os principais afectados pola falta de depuración do mesmo, pero rexeitamos de xeito frontal a ubicación da nova EDAR de Santiago de Compostela no lugar de O Souto, debido á falta dun estudo que detalle o impacto ambiental e patrimonial que tería a execución desta infraestrutura para Ames e pola falta de garantías xurídicas que hai na actualidade. As competencias de depuración do río Sar non son de Ames, senón que son de Augas de Galicia, polo que será este organismo o que teña moito que dicir neste asunto”.
O Concello de Ames, despois da solicitude oficial realizada o pasado 14 de marzo de 2017, convocóuselle a unha única xuntanza da Comisión de seguimento que se celebrou o 9 e maio de 2017, onde se lle trasladou unha planificación de acción que a día de hoxe non se está cumprindo. Esta comisión ten o obxectivo de analizar como se atopa a tramitación do expediente desta infraestrutura e revisar o convenio acordado inicialmente no que se determinaría o financiamento de cada unha das tres partes, entre outros asuntos (Concello de Santiago, Estado e Xunta de Galicia). Ademais, ACUAES informoulle ao Concello de Ames que ao longo dos meses de xullo ou agosto enviarían o proxecto e as recomendacións da construcións da nova EDAR no lugar de O Souto, sen que a día de hoxe se dispoña de dita información nin sobre o avance dos estudos realizados.
José Miñones, explica que “acordamos que se van a presentar alegacións ao proxecto de construción da EDAR no lugar de O Souto. ACUAES non está cumprindo o compromiso ao que chegou con nós, que era o de convocar a Comisión de seguimento. Isto non se fixo a pesar de que por parte da Plataforma en defensa do río Sar se presentou un recurso que foi admitido. Tampouco se nos dou conta das accións que se están realizando. Ademais, ACUAES comprometeuse a que durante o verán nos enviarían información dos traballos feitos para elaborar o anteproxecto, co obxectivo de que puideramos presentar alegacións. Xa estamos no mes de decembro e dita información non chega. Xa levamos varios meses de atraso sen convocar a Comisión de seguimento nin enviar información algunha. Esta situación súmase á que se produciu anteriormente, xa que durante o estudo de impacto ambiental realizado para o novo emprazamento no Souto non se tivo en conta ao Concello de Ames”.
Presentación dunha moción no pleno ordinario de decembro
Deste xeito, o goberno municipal presentará unha moción no pleno ordinario de decembro na que se recollen catro acordos. O primeiro é amosar dende o Concello de Ames o poio aos veciños e veciñas amesáns nas súas reivindicacións contra a ubicación da nova EDAR de O Souto, rexeitando a elección do emprazamento polo impacto ambiental, patrimonial e a ausencia de garantías xurídicas necesarias para a execución do proxecto.
En segundo lugar, vanse realizar todas as medidas legais e administrativas pertinentes en contra da construción da EDAR no lugar de O Souto, así como solicítase que as administracións competentes realicen os estudios e investimentos necesarios para a modernización e mellora tecnolóxica da actual EDAR de Silvouta, que actualmente ocasiona graves prexuízos ao río Sar e aos veciños e veciñas de Ames. Por último, solicítase a convocatoria urxente da Comisión de seguimento para dotar ao Concello de Ames das actuacións realizadas ata o día de hoxe e trasladara información ao Pleno da corporación. Esta moción foi enviada aos grupos municipais con representación na corporación municipal co obxectivo de acordala entre todos.
O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, incidiu en que “para este goberno municipal a contaminación do río Sar é o principal problema medio ambiental que ten este concello, pero cremos que a construción da EDAR no lugar do Souto non é solución máis axeitada para arranxar este problema. Nós apostamos por modernizar e mellorar a EDAR de Silvouta con tecnoloxía compactada con membrana como se fixo en Ourense e Vigo”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames alegará contra la EDAR de O Souto cuando tenga proyecto"
La Voz de Galicia: "El veto de Ames a la EDAR de O Souto reabre el debate sobre su ubicación"
Lindeiros: "Ames presentará alegacións ao proxecto da EDAR de O Souto"




