Pestanas principais

O goberno municipal preséntalle á comunidade educativa a modificación do plan parcial do S‐05 para ampliar o CEIP Agro do Muíño

Sábado, 18 de novembro de 2017

[18-11-2017] O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o concelleiro de Urbanismo, Blas García, e maila arquitecta municipal, Marta Bellas, achegáronse ata o CEIP Agro do Muíño para presentarlle a directora do colexio, así como a membros da ANPA e da comunidade de veciños/as da urbanización Agro do Muíño a modificación do plan parcial do S-05 (As Cortes-A Condomiña) que permitirá ampliar dito colexio e dispor de 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro.


Ampliación da parcela en 4.345 m2
A través desta modificación o que se fai é unir á parcela onde está situado o colexio unha superficie de espazos verdes. A superficie de espazos verdes ascende a 4.345 m2 que unidos ós 10.300 m2 actuais do colexio dan unha superficie total de 14.645 m2, co que se garante suficientemente a ampliación da parcela para acometer a ampliación das aulas de educación primaria e a parte proporcional de zonas comúns, quedando aínda un espazo reservado para futuras ampliacións. Dita superficie pública, que pasa a unirse á parcela do colexio, substitúese por unhas parcelas que son propiedade do Concello e que serán destinadas a zonas verdes públicas.

O concelleiro de Urbanismo, Blas García explica os cambios urbanísticos realizados a través da modificación do plan parcial do S-05. “Aquí o que fixemos foi conxugar a ampliación do colexio e a perda de zona verde coas distintas necesidades dos veciños e veciñas das máis de 130 vivendas que hai nesta urbanización. A maiores o que se intentou facer foi dotar de novos espazos verdes á zona paralela que está situada na estrada de vai cara a aldea de Sisalde, co obxectivo de que no futuro se poidan habilitar nesas zonas áreas de ocio e esparexemento xa que é unha zona moi transitada pola veciñanza que practica actividade deportiva. Ademais, na zona verde que está máis próxima ao centro educativo estase executando unha pista polideportiva, ao lado do parque infantil existente, para tratar de compensar algunhas das necesidades existentes nesta urbanización. Por último, un espazo público que tiñan os veciños que é bastante irregular e que está nunha esquina da urbanización, desprazouse para unha zona que é máis uniforme para que poida ser empregada pola veciñanza”.

Esta actuación enmárcase dentro dos acordos acadados entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia para adaptar a oferta educativa e a demanda de prazas escolares no municipio. Deste xeito dáse resposta ás demandas da comunidade educativa que solicitaron cubrir as necesidades de escolarización deste centro educativo.

David Santomil, engadiu que “desde o Concello, convocamos esta xuntanza co obxectivo de informar acerca do proxecto e das previsións que existen no que se refire á modificación do plan parcial S-05, coa que se pretende dispor dunha parcela de algo máis de 4.000 metros cadrados anexa ao CEIP Agro do Muíño. Dita parcela quedará á disposición da Xunta de Galicia para a futura ampliación do centro escolar con seis novas unidades, o que permitirá que o colexio dispoña desa terceira liña tan reclamada pola comunidade educativa. Gustaríame destacar, asemade, o proceso participativo de información a través do cal se explicaron os detalles da modificación do plan parcial que esperamos, pasados os dous meses de trámite de información pública, poida ser aprobado no pleno da Corporación para, posteriormente, asinar o convenio coa Xunta de Galicia”.

O goberno municipal segue avanzando na tramitación e nas xestión que hai que realizar para que a Consellería de Educación da Xunta de Galicia amplíe o CEIP Agro do Muíño. Este centro de ensino estase ampliando en dúas fases. Na primeira fase, construíronse 3 novas aulas que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. En concreto os traballos consistiron na habilitación de 3 aulas para 25 alumnos de infantil, aseo incorporado á aula, espazos comúns, rampla de acceso, instalación e aseos. O novo volume construído conta cunha superficie útil total de 243,75 metros cadrados, reproducindo as pautas arquitectónicas do edificio preexistente. Ademais pavimentouse a zona entre o edificio existente e a ampliación, para patio dos alumnos e renovouse o caucho e o equipamento da zona de xogos de infantil. O obxectivo desta actuación foi atender o importante aumento de alumnado a escolarizar na etapa de infantil no concello de Ames.

Ademais, nunha segunda fase vanse a executar 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Estas aulas executaranse nunha parcela que existe ao carón do actual centro. Para iso o Concello de Ames tivo que realizar unha modificación do plan parcial do S-05. Dita modificación foi presentada este venres, 17 de novembro ante a comunidade educativa do CEIP Agro do Muíño. Unha vez saía publicada no DOGA terá que estar en exposición pública durante un prazo de dous meses. Se supera esa fase sen que haxa alegacións, terá que ser sometida á aprobación do Pleno. Por último, o Concello de Ames terá que asinar un convenio coa Consellería de Educación. A partir de aí será a Xunta de Galicia a que teña que redactar o proxecto e licitar as obras de ampliación.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, indicou que “tanto o departamento de Urbanismo como o de Educación do Concello de Ames vimos de manter unha xuntanza coa comunidade educativa do CEIP Agro do Muíño, co seu equipo directivo e coa asociación de nais e pais. Na xuntanza, tamén estivo presente unha representación da asociación veciñal da urbanización Agro do Muíño – As Cortes”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames modifica el plan urbanístico para ampliar el CEIP Agro do Muíño"