Pestanas principais

O goberno municipal preséntalle aos grupos da oposición un primeiro borrador do proxecto Ames 2020

Sábado, 02 de xaneiro de 2016

[02-01-2016] Esta semana o goberno municipal mantivo unha xuntanza cos concelleiros e concelleiras dos grupos municipais da oposición para presentarlle un primeiro borrador do proxecto Ames 2020 que se presentará para concorrer á convocatoria DUSI cofinanciada con fondos FEDER. Nesta xuntanza puidéronse coñecer as liñas estratéxicas deste proxecto e as primeiras conclusións que se extraen do traballo feito ata este momento. Nesta presentación tamén participou Adolfo Neira, de EOSA Consultores, que é a empresa encargada de elaborar o proxecto que presentará o Concello de Ames.

Á cita desta semana presentáronse concelleiros e concelleiras de todos os grupos a excepción do grupo popular que non se presentou. Esta é a segunda cita que se ten cos grupos da corporación que se suma ás mantidas con diferentes asociacións e colectivos do concello.

O proxecto Ames 2020 consiste nun plan de base integrado e a longo prazo que marcará a ruta do desenvolvemento amesán nos próximos catro anos. Este proxecto presentarase á convocatoria de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI) do Fondo de Desenvolvemento Europeo (FEDER).

O ámbito da actuación DUSI será a totalidade do concello de Ames, dado que se quere dar respostas integrais a problemas que afectan o concello en toda a súa extensión. Iso non descarta que as actividades fundamentais se realicen principalmente nos dous núcleos urbanos principais (Milladoiro e Bertamiráns), así como nas contornas con maior significación ambiental e turística relacionados directamente con eles.

A estratexia "Impulsa Ames", que é o nome do proxecto, parte da necesidade de aproveitar a oportunidade dos fondos FEDER para xerar unha verdadeira estratexia de crecemento para un municipio que, pola súa posición privilexiada na coroa metropolitana de Santiago e a súa calidade demográfica no contexto galego, debe de exporse a consolidación e conectividade dos seus núcleos urbanos como único camiño para xerar unha trama urbana de calidade, inclusiva e integradora socialmente e que sexa moito máis eficiente desde un punto de vista enerxético e de gasto público.

Retos e obxectivos estratéxicos
Para lograr este obxectivo xeral, a estratexia deste proxecto formúlase a partir dunha serie de retos que é necesario abordar, e que son o reto climático, ambiental, económico, social e demográfico. A partir deses retos establécense tres grandes obxectivos estratéxicos. O primeiro é facer de Ames un concello integrador, ben comunicado con e para os seus cidadáns e cunha administración accesible electronicamente, onde as diferenzas entre contornas se minimicen.

O segundo obxectivo estratéxico é converter a Ames nun concello sustentable medioambientalmente, accesible e disfrutable polos seus veciños, elevando o nivel actual de calidade de vida. O terceiro e último obxectivo estratéxico é asegurar a ancoraxe da poboación xuvenil no concello, poñendo á súa disposición ferramentas atractivas para o seu lecer e cultura, facilitando a integración no mercado laboral por medio do emprendemento.

A estratexia completa supón un importe de 9.750.000 euros, no horizonte temporal de 2022. Aínda que o plan de implementación tería un custo de 6.250.000 euros. Para alcanzar este orzamento estímanse que é necesario obter 5.000.000 euros, a través das achegas FEDER, mentres que a contía restante, que ascende a 1.250.000 euros, tería que obterse a través de axudas doutras administracións ou mediante fondos propios do Concello.

Este proxecto estratéxico recolle as achegas dos grupos municipais con representación na corporación municipal e do proceso de participación cidadá aberto a finais do pasado mes de novembro. O proxecto "Impulsa Ames" ten que ser presentado como data límite o vindeiro 13 de xaneiro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Dan a conocer a la oposición el primer plan de Ames 2020"
La Voz de Galicia: "El Ayuntamiento presenta a grupos políticos y vecinos el proyecto Impulsa Ames"