Pestanas principais

O goberno municipal presenta o borrador dos orzamentos de 2016

Venres, 20 de maio de 2016

[20-05-2016] Esta mañá o goberno municipal presentou o borrador dos orzamentos de 2016. Comezou o alcalde de Ames, José Miñones, expoñendo as grandes cifras e as liñas máis destacables dentro do orzamento, para logo dar paso á concelleira de Economía e Facenda e voceira do grupo municipal Contigo Pódese, Genma Otero, que presentou o detalle do borrador do orzamento de 2016, no que se analizaron as diferentes partidas segundo os capítulos e os programas ou áreas establecendo a comparativa co último exercicio liquidado no 2014. Tamén interviron o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos e o voceiro do PSdeG-PSOE, Blas García, e o concelleiro de Educación e Cultura e voceiro do BNG, David Santomil. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás ver unha presentación do borrador de orzamentos.

Dito orzamento ten unha previsión de ingresos de 23.042.431,89 euros e unha previsión de gastos de 22.774.608,82 euros. O superávit de 267.823 dedicarase ao reintegro parcial da achega concedida no marco da subvención do Plan Avanza. Segundo explica dende o goberno municipal trátase dun orzamento equilibrado no que se mantén e se reforzan os servizos das distintas áreas municipais, a pesar dos gastos extraordinarios que se tiveron que afrontar do goberno anterior. Tamén destacan que a cifra global do orzamento, respecto á liquidación de 2014, experimenta un gran incremento de 3.759.417,29 euros, cun incremento do 12,57% dos gastos correntes en bens e servizos e incremento na partida de investimentos reais dun 153,40%.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “xa se mantivo unha primeira xuntanza cos partidos políticos da oposición e a vindeira semana manteremos unha nova reunión para avanzar e intentar pechar un documento final dos orzamentos de 2016 o máis axiña posible. Trátase dun orzamento no que presta unha especial atención ao gasto en servizos sociais, educación, incremento das subvencións, e ao investimento en obras. Todo isto sen incrementar os impostos e as taxas aos veciños e veciñas, senón que se consegue realizando unha mellor xestión dos recursos dos que dispoñemos”.

No apartado de gastos o 47,68%, que ascende á contía de 10.858.706,61 euros, dedicarase a gasto corrente en bens e servizos, mentres que 33,84%, que son 7.706.020,16 euros, é para a partida de persoal. Cómpre destacar que o 10,28% dedicarase a investimentos reais pasando dunha contía en 2014 (última conta liquidada) de 923.790,41 euros a 2.340.912,71 euros, o que supón un incremento de 1.417.122,30 euros, que supón un 153,40%. Por outra banda, redúcense os gastos financeiros nun 63,61% respecto do 2014. O goberno municipal realizou unha renegociación da débeda municipal coas entidades bancarias a través da cal conseguiu reducir en 104.627,68 euros anuais o gasto en intereses dos préstamos. No actual presuposto está cuantificado un gasto neste eido de 59.847,22 euros.

No apartado de ingresos hai que destacar as transferencias correntes, que representan o 32,81% dos ingresos, e que ascende á contía de 7.560.159 euros, mentres que os ingresos recadados por impostos directos (IBI, IVTM, IAE etc.) representan o 32,75%, que son 7.546.840 euros. Neste apartado o incremento foi do 4% porque a pesar de diminuír os ingresos do IBI en 600.000 euros, a regularización catastral feita polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, implica un incremento nesta partida. A través de taxas, prezos públicos e outros ingresos recadaranse 5.664.901 euros, o que representa o 24,58% do total, partida que practicamente se mantén igual que no ano 2014.

Tanto o alcalde como a concelleira de Economía e Facenda salientaron a importancia de poder aprobar estes orzamentos para poder executar e levar a cabo todas as iniciativas que nel se recollen, polo que convidan aos partidos políticos municipais con representación na corporación a que amosen a súa responsabilidade apoiando este presuposto.

Incremento na partida de investimentos
Por outra banda, hai que destacar o gran incremento experimentado na partida para investimentos reais a través de transferencias de capital, pasando a ter unha previsión de ingresos mediante diferentes axudas dos plans provinciais e achegas da Xunta de Galicia de 1.596.878,57 euros. Deste xeito, increméntase os ingresos nesta partida respecto a 2014 nun 281,88%, que son 1.178.711,62 euros. As transferencias de capital representan o 6,93% do total de ingresos.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “este gran incremento nesta partida de ingresos procedentes das administracións é unha clara mostra da capacidade deste goberno de contacto e xestións realizadas con outras administración públicas co obxecto de obter recursos externos e recadar fondos”.

Tamén se incrementaron os recursos a través dos impostos indirectos (ICIO). Deste xeito, pásase de cifras negativas en 2014 a ter unha previsión de ingresos de preto de 200.000 euros. Isto prodúcese porque se incrementou a actividade inspectora sobre o imposto de construcións, instalacións e obras. Os impostos indirectos representan o 0,86% do total de ingresos.

No apartado de ingresos, os pasivos financeiros representan o 1,94% dos ingresos. Neste apartado hai un 100% de incremento grazas ao programa provincial PAI que permitirá dispor de 346.068,86 euros destinados a acondicionar o cemiterio municipal. Por último, os ingresos patrimoniais son o 0,12% dos ingresos totais obtidos polo Concello.

Sobre o apartado de ingresos Genma Otero destaca que “a pesar da rebaixa feita no imposto de bens inmobles (IBI) púidose incrementar o gasto en moitas dos servizos ofertados por diversos departamentos municipais. Isto foi posible grazas a unha xestión máis eficiente e eficaz do goberno municipal”.

Resumo por capítulos
No resumo de dotación orzamentaria por capítulos hai que destacar que se incrementa o gasto en persoal un 5,79%, tendo en conta que se en 2016 houbo un incremento salarial do 1%, que implica un gasto maior de 73.000 euros, e que o goberno se comprometeu a devolver o 50% da paga extra de 2012 que falta por aboarlle ao persoal municipal. Para a devolución de dita paga extra, que estaba pendente de aboar, é necesario dispor dunha partida de 166.000 euros.

No que se refire ao capítulo de gastos correntes en bens e servizos o goberno municipal destaca que se incorporaron novos gastos neste apartado relativos ao convenio asinado para a mellora das instalacións do CEIP de Barouta, ao contrato de alugueiro asinado coa empresa Ruafer para dispor dos locais do centro de usos múltiples de Aldea Nova, a elaboración dun mapa sobre as necesidades educativas, á instalación dun sistema de gravación de vídeo acta para os plenos, a modificación co contrato subscrito coa empresa Urbaser ou a posta en marcha da nova escola infantil de Bertamiráns que se enmarca dentro da Rede Galiña Azul.

En canto ao capítulo de gastos financeiros, a concelleira de Economía e Facenda incidiu en que “grazas ao axustes dos intereses dos préstamos do Plan de Provedores e a través das negociacións mantidas coas entidades bancarias conseguiuse reducir os intereses dos préstamos que ten contratados o Concello con ditas entidades nunha porcentaxe dun 63,61%. Ademais, esta redución aplicarase ata o final da vida útil dos préstamos, polo que todos os anos aforraremos uns 104.000 euros anuais nesta partida ata que se amorticen definitivamente estes préstamos”.

Novidades no orzamento de 2016
Ademais, como novidade, hai que destacar a creación de partidas específica para as áreas de normalización lingüística e para a radio municipal o que supón unha aposta clara deste goberno municipal pola dinamización da lingua galega e pola emisora Ames Radio. Este presuposto tamén aposta pola accesibilidade e recolle varios plans de actuacións en materia de accesibilidade nas instalacións e edificios municipais e unha liña de liña de axudas para realizar obras de accesibilidade en vivendas particulares.

Ademais, apóstase pola área medioambiental, na cal se incrementaron as prazas ofertadas dentro do programa de campamentos municipais de verán, e se van a executar dous parques biosaudables (un en Bertamiráns e outro no Milladoiro) e un parque para os cans e aos seus propietarios en Bertamiráns. O goberno municipal tamén aposta por un incremento das subvencións na área de promoción social e das axudas de emerxencia social adicando dentro deste programa 100.000 euros máis que no 2014, que representa un 66,29% máis. Como novidade recupéranse as axudas para as infravivendas e increméntase os obradoiros de emprego e maila partida destinada á promoción da actividade comercial cun 20.000 euros máis nesta partida, case o dobre que en 2014.

Na área de Educación e Cultura os novos orzamentos recollen diversas partidas para a posta en funcionamento da nova escola infantil da Galiña Azul, que se atopa situada na localidade de Bertamiráns, ampliación do número de prazas nos comedores escolares, programas lúdicos e servizos de conciliación, así como o incremento da oferta cultural do Concello, festivais, teatro, obradoiros, etc, adicando 45.000 euros máis o que supón un 119% de incremento respecto do 2014. Na área deportiva contémplase unha partida de 325.527 euros para realizar diversas actuacións de acondicionamento nas instalacións deportivas. E na área de xuventude increméntase en 30.000 euros a partida con novos campamentos, cursos e actividades orientadas a este colectivo.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, recalcou que se trata duns orzamentos de marcado carácter social, progresistas e nos que se blindan os servizos polos que Ames é un concello de referencia como son os servizos de conciliación, lúdicos e de comedores. Agardamos que as forzas da esquerda se sumen a proposta e apoien estes presupostos para que saían adiante”.

No apartado de investimentos tamén se recolle unha partida de 700.000 euros para obras de saneamento, e 260.000 euros para estradas e camiños veciñais, 242.000 euros para vías públicas, achegas para infravivenda, investimentos en accesibilidade, así como para renovar o parque móbil do Concello, construír unhas gradas no campo de fútbol do Milladoiro, e realizar obras de mellora e acondicionamento na área recreativa de Tapia, etc.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, recalcou que “vaise a investir fundamentalmente en obras de saneamento e en actuacións de mellora da accesibilidade. Estes son dous dos piares fundamentais do goberno en materia de investimento”. Ademais, salientou que o goberno municipal fixo un presuposto con actuacións planificadas para os catro anos de mandato.

Orzamentos participativos
Por último, dentro deste orzamento incorpórase a primeira experiencia de investimentos participativos para actuacións no rural. Segundo explicou a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, vaise a implicar á veciñanza para que sexan participes na xestión municipal. Para iso estanse a elaborar unhas bases de orzamentos participativos, unha comisión de orzamentos para valorar as propostas feitas polos veciños/as e fomentar que as asociacións de veciños participen neste proceso.

“É un xesto que este goberno quere facer co rural no que poderán participar todas as veciñas e veciños de Ames. O obxectivo é comezar a mudar e implantar novas formas de facer política achegándose a cidadanía e facendo que participen directamente na xestión e nos orzamentos do seu municipio”, rematou dicindo Genma Otero.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "El gobierno propone un presupuesto de 23 millones para Ames"
La Voz de Galicia: "El borrador del presupuesto de Ames destina 2.341.000 euros a inversiones"