Pestanas principais

O Goberno Municipal pide as entidades bancarias que adopten medidas que favorezan a accesibilidade aos servizos das persoas con menor capacitación dixital

Xoves, 20 de maio de 2021

A través dunha carta asinada en nome do Goberno Municipal, o alcalde de Ames, Blas García, manifesta a preocupación polo avance na perda de servizos que están a sufrir os usuarios e as usuarias de banca nos últimos tempos. A carta está dirixida aos directores de todas as entidades bancarias que teñen sede en Ames e sinala ás persoas maiores como as máis prexudicadas polas eivas que trae consigo a aceleración dixital dos trámites fronte a perda de atención presencial.

A carta alude as consecuencias da aceleración dixital impulsada pola pandemia que provocou perda de servizos e de atención presencial, diminución de persoal, horarios restritivos para a realización de determinados trámites e imposibilidade, en moitos
casos, para facer operacións de xeito presencial nas propias oficinas bancarias.

“Desde a administración -di textualmente a carta- loxicamente, apoiamos os avances nos servizos dixitais,máis é preciso ter en conta o sector da poboación que máis sofre a fenda dixital, como poden ser por exemplo os nosos e as nosas maiores, que en moitas ocasións ven como as entidades financeiras impoñen demasiadas trabas para levar a cabo operacións sinxelas e de primeira necesidade”.

A petición fai referencia asemade a “imposición de importantes comisións”, salientando que  estas “aumentan de xeito unilateral mentres se reducen os servizos”. Inclúese tamén o desacordo coa aparición de campañas que intentan incrementar o uso dos servizos de banca electrónica  “chegando a terse producido algunha campaña ata denigrante para as persoas que se senten incapaces de acceder aos servizos bancarios a través dos sistemas telemáticos”.

Na carta pídese que se transmitan estas queixas ás direccións centrais das entidades bancarias con presenza en Ames para que “se tomen as medidas necesarias” para paliar estas eivas e unha “maior sensibilización co sector poboacional do noso Concello e de Galicia que sofre a fenda dixital”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Chamada á orde contra os bancos polo trato aos maiores"

 

Casa do Concello