[15-02-2017] Tralas recentes publicacións feitas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda onde se critica por parte da Xunta de Galicia a deixadez dos Concellos de Santiago, Ames e Teo do programa de Vivendas Baleiras, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica “supoñemos que a Xunta fai estas declaracións dende o descoñecemento, tanto do que é o que se pretende co Protocolo Municipal de Prevención e Atención de Desafiuzamentos, como do estado en que se encontra o procedemento de desenvolvemento do Programa de Vivendas Baleiras no noso Concello”.
Dende a Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade indican que o que se pretende co Protocolo de Desafiuzamentos é concretar, desenvolver e nalgún caso completar as accións recollidas no convenio de colaboración asinado en 2013 entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a FEGAMP, “poñéndoo en valor e promovendo dentro do ámbito das nosas competencias do noso Concello, as medidas que estean ao noso alcance para prever e paliar as situacións de desafiuzamento das vivendas que constitúan o domicilio habitual dos nosos veciños/as, sistematizando o que xa se viña facendo dende o departamento de Servizos Sociais e unificando os criterios de actuación, e en ningún caso a prevención dos desafiuzamentos pode ser considerado como unha perda de esforzos”, sinala Luísa Feijóo.
Por outra banda, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade incide en que “como xa dixemos cando nos adherimos ao convenio de Vivendas Baleiras consideramos que aínda que a iniciativa é boa, quizais o convenio se quede un pouco curto. Non está pensado para previr casos desafiuzamentos, senón que o que persegue é que os Concellos poidan dispor de vivendas para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual, deixando toda a responsabilidade da captación das vivendas e a súa adxudicación aos propios Concellos adheridos”.
“Actualmente o noso Concello encóntrase nesta fase despois de ser haber sido convocados polo propio IGVS a mediados de decembro de 2016 para a constitución da comisión de seguimento e coordinación prevista no propio convenio (cláusula cuarta), e onde se analizaron e aprobaron as bases reguladoras do programa polo que non se entende que seguindo os tempos marcados por eles mesmos falen de deixadez por parte do noso Concello”, remata dicindo Luísa Feijóo.