Pestanas principais

O goberno municipal normaliza o funcionamento das bibliotecas municipais de Ames

Venres, 06 de novembro de 2015

[06-11-2015] O goberno municipal está traballando para mellorar os servizos municipais que se ofertan na actualidade como é o caso das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Para iso realizouse un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de axudantes técnicos de biblioteca. Na actualidade contratouse as dúas primeiras persoas desta lista para reforzar o servizo de cara a manter o bo funcionamento das bibliotecas municipais. Ademais, conseguiuse unha subvención da Xunta de Galicia de preto de 3.000 euros para actualizar a sección de literatura infantil. As bibliotecas municipais acaban de publicar a programación de animación á lectura que se desenvolverá durante os meses de novembro e decembro.



O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “o servizo das bibliotecas municipais é un dos máis demandados pola veciñanza amesá, tanto polos adultos que empregan estas instalacións para ler e estudar, coma polos nenos/as que a miúdo acoden ás actividades de animación á lectura. O goberno é consciente disto polo que apostamos por normalizar o funcionamento deste servizo coa creación dunha bolsa de traballo de axudantes técnicos de biblioteca e cun completo programa de contacontos para os meses de novembro e decembro. Cremos que é necesario fomentar o hábito da lectura entre os máis pequenos”.

Dende a entrada do novo goberno adoptáronse unha serie de medidas para mellorar e reforzar o funcionamento das bibliotecas municipais de Ames. Unha das medidas adoptadas foi a creación dunha bolsa de traballo de axudantes técnicos/a de biblioteca, para a cobertura temporal deste tipo de postos nas bibliotecas municipais que, por circunstancias ou atendendo a programas concretos, xurdan no Concello de Ames. Na actualidade contratouse as dúas primeiras persoas desta lista para reforzar o servizo de cara a manter o bo funcionamento das bibliotecas municipais.

Programación de contacontos
Outra das medidas postas en marcha foi a elaboración dun completo programa de contacontos para recuperar as actividades de animación á lectura que se desenvolven nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Baixo o lema Unha biblioteca chea de animais están programados un total de doce sesión de contacontos para o mes de novembro e a primeira semana de decembro. Estas actividades, que se desenvolverán ás 18:00 horas, están dirixidas aos nenos/as de máis de 3 anos.

Os obxectivos xerais desta programación de animación á lectura son pór aos participantes en contacto cos libros; fomentar a escoita activa a través da narración oral; lograr que os participantes valoren positivamente os libros; facer da biblioteca un espazo vivo e dinámico aberto á cidadanía; fomentar o uso e a lectura na nosa lingua; e inculcar o hábito lector a través dos contos.

Para a consecución destes obxectivos xerais das sesións de contacontos úsase un fío condutor que dote de coherencia temática ás sesións. Nesta ocasión decidiuse que os animais foran os protagonistas, xa que, coma sempre, colabórase cos demais axentes educativos (escola e familia) en dar resposta á curiosidade innata dos cativos e os animais son sempre un tema de grande interese para os nenos e nenas, que forma parte dese entorno natural que os rodea e que lles xera unha innegable atracción.

Ademais, os animais teñen un peso fundamental na historia da literatura infantil. A temática dos animais servirá tamén para tratar outros contidos transversais en cada un dos bloques das sesións como son a amizade, o amor, a interculturalidade, e os hábitos de alimentación.

Achega dunha subvención de preto 3.000 euros
Por outra banda, hai que salientar que o Concello de Ames conseguiu unha axuda da Xunta de Galicia de 2.773,90 euros para renovar e actualizar os fondos da sección de literatura infantil das dúas bibliotecas municipais. Esta achega económica está dividida en dúas anualidades. Durante este ano o Concello recibirá 1.516,04 euros, mentres que de cara ao vindeiro ano disporá de 1.257,86 euros.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los centros de lectura amienses incrementan el personal y sus fondos infantiles"
El Correo Gallego: "Crean en Ames una bolsa de trabajo de ayudantes técnicos para bibliotecas"