Pestanas principais

O goberno municipal móstrase interesado en recepcionar a estrada da avenida da Maía sempre e cando a Xunta faga un investimento de 140.000 euros

Luns, 26 de marzo de 2018

[26-03-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, vén de enviarlle un escrito á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, no que se detalla que a recepción do tramo urbano da estrada AC 543, entre os PK 6+205 e 8+360 ao seu paso por Bertamiráns, está supeditada a que a Xunta de Galicia execute, previamente, traballos de mantemento e conservación en dita estrada, valorados polo departamento técnico do Concello en 140.000 euros. Tratase de cuestións básicas como son a mellora do firme, arranxo da beirarrúa, etc. Deste xeito, o goberno municipal solicítalle á Consellería de Infraestruturas que realice obras de mantemento na estrada da avenida da Maía para poder recepcionala.

A comezos do mes de maio de 2017 o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, para falar principalmente do cambio de titularidade de tres viarios que discorren polo termo municipal de Ames. Deste xeito, en dita reunión, e a petición da Consellería de Infraestruturas, abordouse a posibilidade de que a estrada AC-543, dende a rotonda que dá acceso a AG-56 ata o límite co concello de Brión, no Tremo, e que discorre pola avenida da Maía, pasase a ser de titularidade municipal. Trátase dunha vía que pertence ao núcleo urbano de Bertamiráns.

Naquel momento, dende o goberno municipal, manifestouse que para tomar unha decisión sobre este asunto se ía realizar un estudo de custes para a mellora desta vía que terían que ser asumidos polo administración autonómica antes do traspaso de competencias. A memoria valorada, que está dividida en dúas partes, foi feita polo departamento técnico do Concello. Na primeira parte avalíase o custe da mellora dende a rotonda que dá acceso a AG-56 ata a rotonda que está ao lado do supermercado Mercadona. Na segunda parte do estudo valóranse os custos de mellora do tramo de estrada que vai dende a rotonda do Mercadona ata o límite co concello de Brión, no Tremo. Dito estudo de custos envióuselle á Xunta de Galicia.

O pasado 6 de marzo dende a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda contestaron que trala valoración por parte dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, estase en disposición de iniciar os trámites oficiais do cambio de titularidade da AC-543 entre os puntos quilométricos 6+205 e 8+360, ao seu paso por Bertamiráns, nas condicións que se atopa na actualidade. Ante dito comunicado, o goberno municipal vén de enviarlle un escrito de resposta no que se aclara que a recepción de dita estrada urbana está supeditada á execución das obras de mantemento e conservación necesarias, tal e como se detalla na memoria valorada enviada á Axencia Galega de Infraestruturas, e se deixou claro na xuntanza do mes de maio de 2017.

O alcalde de Ames, José Miñones explica que “a recepción de dita estrada nas condicións actuais é inasumible. Na xuntanza mantida o ano pasado no mes de maio co director da AXEGA, ofreceunos a posibilidade de recepcionar o tramo urbano da AC-543, ao seu paso por Bertamiráns. En dita reunión xa se lle trasladaron as condicións para poder proceder ao cambio de titularidade, sendo o propio director deste organismo o que nos solicitou unha memoria valorada. O goberno municipal está disposto a recepcionar esta estrada, pero sempre e cando se realicen as actuacións que son necesarias”.

O rexedor municipal engade que “a recepción desta estrada que ten un importante volume de tránsito de vehículos, e que atravesa o núcleo urbano de Bertamiráns de norte a sur, entendemos que ten que facerse coa mínima garantía de investimento por parte da Xunta de Galicia, e que permita, polo tanto, ser asumida por parte do Concello de cara a unha boa planificación de investimento futuro sobre a mesma. De igual xeito, a proposta económica detallada enviada, facía referencia a cuestións básicas como son a mellora do firme, arranxo da beirarrúa, etc. Trátase de obras de mantemento necesarias xa na actualidade e que levan varios anos sen facerse por falta de investimento”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Xunta resalta que las mejoras en la AC-543 no están presupuestadas"
Ames Go: "Miñones advirte á conselleira que sen mantemento previo non hai recepción da Avda. da Maía"
La Voz de Galicia: "Ames reclama a la Xunta obras por 140.000 euros para recibir el tramo urbano de la AC-543"
Lindeiros: "Ames reclama a Xunta melloras na avenida da Maía antes de recepcionala"
El Correo Gallego: "Ames asumirá la travesía central de Bertamiráns si la Xunta la arregla"
El Correo Gallego: "Un área comercial enpeligro por la cesión de la avenida da Maía"