Pestanas principais

O goberno municipal mellorará a seguridade viaria na Nacional 550 do Milladoiro

Luns, 31 de xullo de 2017

[31-07-2017] Esta mañá presentouse no Milladoiro o proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro. A través deste plan vanse a instalar dous semáforos e un paso de peóns adaptado que parta da rúa Viorneira e atravese a avenida de Rosalía de Castro. Búscase mellorar a seguridade na N550 e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores preténdese habilitar un novo cruce e conectar os dous lados da avenida Rosalía de Castro, á altura da rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial. Esta actuación será realizada con fondos propios municipais.

Medidas para humanizar a avenida de Rosalía de Castro
O alcalde de Ames, José Miñones, indicou que “dende o Concello enviamos varios escritos ao Ministerio de Fomento para modificar a circulación de vehículos polo N-550 ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. Temos unha proposta, que consiste en desviar o tráfico pesado cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas. Nesta actuación tamén participa a Xunta de Galicia xa que habería que facer obras na rotonda das Galanas, pero a día de hoxe seguimos sen ter o visto bo das Administracións Autonómica e Estatal”.

Miñones destacou que o proxecto presentado hoxe “está dirixido a tratar de reducir a velocidade dos vehículos que circulan por esta rúa do Milladoiro. A primeira actuación que se realizou neste senso foi incrementar os controis de velocidade, que realiza a Policía Local nesta zona, e agora continuamos con actuacións sobre a rede de semáforos. A idea do goberno é que os peóns teñan prioridade sobre os vehículos. Coa instalación deste novo paso de peóns e os correspondentes semáforos, programaranse os semáforos desta zona da avenida Rosalía de Castro para que pechen e abran de forma secuencial. Deste xeito os peóns disporán de máis tempo para cruzar. Ademais, preténdese que os condutores ao ter que parar nos semáforos instalados nesta rúa e relentizar a circulación, opten por non cruzar esta avenida cando se dirixan a Santiago e vaian pola autoestrada AG-56”.

O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, dixo “nós estamos satisfeitos por esta actuación que se vai a levar cabo para mellorar a seguridade viaria nesta zona da avenida de Rosalía de Castro. Agradecerlle ao Concello que persuadira a outras administración para poder executar esta obra”. Ademais, indicou “coincido co alcalde en que hai que tratar de disuadir aos condutores para que pasen cos seus vehículos polo centro do Milladoiro e opten por outras vías alternativas como é a autoestrada AG-56”.

A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, do concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, do presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, José Manuel Fernández, e Manuel Saavedra, veciño e empresario do Milladoiro. Antes de redactar este plan estudouse a área onde se cruza a avenida de Rosalía de Castro dende a rúa Viorneira, buscando a localización máis segura para peóns e vehículos e valorouse o lugar no que se vai instalar.

O Concello de Ames xa dispón da autorización do Ministerio de Fomento para executar esta obra, previamente houbo que falar con dito Ministerio e solicitar a pertinente autorización, ao ser a N-550 unha estrada dependente do Estado. Unha vez redactado e deseñado o proxecto, agora hai que envialo a Fomento para que teñan constancia da actuación e dos prazos de dita obra. O proxecto foi redactado polo arquitecto amesán, David Fernández.

A través desta actuación preténdese ir humanizando a avenida de Rosalía de Castro e diminuír o tráfico rodado no centro da localidade do Milladoiro. Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil. Esta actuación, en concreto, foi solicitada tamén pola Asociación de Pequenos Comerciantes de Viorneira, Palmira-Bulebar.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, explicou que esta actuación é unha vella reclamación da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar. “A actuación que se vai executar consiste en instalar un novo paso de peóns e dous semáforos, un cada sentido sentido de circulación. Para iso haberá que cortar a mediana que separa a avenida Rosalía de Castro. Ademais, vaise a reforzar a seguridade viaria nesta zona dotando ao cruce de Rosalía de Castro coa rúa de Seidón dun pavimento diferente ao da estrada e eliminando a circulación de vehículos neste cruce. Deste xeito, só poderán saír por esta zona os veciños de dúas vivendas da rúa de Seidón, que están pegadas á Rosalía de Castro”.


Contido relacionado


Lindeiros: "O Milladoiro terá un novo paso de peóns na N-550"
El Correo Gallego: "Mejorarán la seguridad vial en la calle Viorneira y en Rosalía de Castro"
La Voz de Galicia: "La N-550 tendrá un paso de peatones más en la rúa Viorneira de Milladoiro"
Ames Go: "As reclamacións dos comerciantes da rúa Viorneira fan posible a mellora da seguridade viaria"