Pestanas principais

O Goberno municipal mantivo unha xuntanza co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia

Luns, 28 de setembro de 2015

[28-09-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, mantiveron unha xuntanza coa presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Marta Capeáns, e o seu xerente, Víctor González. Nesta xuntanza, na que se trataron varias cuestión relativas á prestación dos servizos sociais municipais, tamén estiveron presentes os cinco traballadores sociais cos que conta na actualidade o Concello de Ames.

Este encontro serviu para analizar a situación actual do departamento municipal de Servizos Sociais. Os membros do goberno e os traballadores intercambiaron impresións cos representantes do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia sobre o incremento das demandas de atención por parte dos servizos sociais municipais e a falta de medios, entre outros asuntos.

No que se refire aos aspectos de mellora, dende o goberno trasladouse a necesidade de ampliar o número de profesionais na atención social, así como a necesidade de dispor de novas ideas para mellorar e reducir os tempos de espera. Ademais, coincidiuse na necesidade que ten o Concello de Ames de reforzar a área de Servizos Sociais, e que a atención que se presta dende este departamento debe ser entendida como un servizo de proximidade.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “todas as persoas que participamos nesta reunión coincidimos en que non se debe pasar dos servizos sociais á beneficencia. Os servizos sociais están para garantir os dereitos sociais, non para fomentar actos de beneficencia que a longo prazo non solucionan o problema. Ademais, as organizacións sociais non deben substituír ás administracións, en todo caso complementalas”.

Por último, cómpre destacar que o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia fíxolle entrega ao goberno municipal dun pequeno dossier, onde se recolle a análise da situación actual no eido dos servizos sociais, propostas de mellora para o Concello, e os seus proxectos futuros de colaboración con Ames.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Plantean reducir esperas y aumentar el personal para los Servizos Sociais"