[16-07-2015] Tralo Pleno de organización celebrado o pasado venres, 10 de xullo, hoxe pola mañá o goberno municipal mantivo a súa primeira reunión de grupo, onde se abordaron diferentes cuestións relativas á posta en marcha da xestión das diferentes áreas e departamentos municipais. Ademais, tras este encontro celebrouse a primeira Xunta de Goberno Local. Durante este mandato as Xuntas de Goberno Local desenvolveranse en sesión ordinaria todos os xoves de cada mes, e en sesión extraordinaria cando os acontecementos así o requiran.
Nesta primeira Xunta de Goberno Local abordáronse diferentes temas de trámite como foron a aprobación de dúas licenzas de primeira ocupación de vivendas unifamiliares construídas nas parroquias de Bugallido e Covas. Tamén se aprobaron dúas licenzas para a segregación de fincas nas parroquia de Ames e Biduído.
Por outra banda, aprobouse a clasificación de ofertas e o requirimento de presentación de documentación para a adxudicación do procedemento negociado, sen publicidade, das obras que se van a desenvolver no camiño que une Cortegada e Montemaior, situado na parroquia da Ameixenda. Estas obras están incluídas no POS adicional de 2014. A este proceso de contratación presentáronse cinco empresas. A partir deste momento o licitador clasificado en primeiro lugar deberá presentar a documentación que se lle require para, de ser o caso, proceder á correspondente adxudicación.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “trala celebración do Pleno de organización, este xoves tivo lugar a primeira reunión do grupo de goberno co obxectivo de ir organizando o traballo que hai que realizar en cada un dos departamentos municipais. Ademais, celebramos a primeira Xunta de Goberno Local, que a partir deste momento se desenvolverán todos os xoves de cada mes”.
Por último, cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local está composta polo alcalde, José Miñones, Genma Otero, David Santomil, José Blas, Silvia Dapena, Isabel Vaquero e Luísa Feijóo.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Miñones preside la primera Xunta de Goberno amiense, que aprobó obras menores"




