Pestanas principais

O goberno municipal mantén unha xuntanza en Arteixo co director da Fundación Amancio Ortega

Xoves, 21 de abril de 2016

[21-04-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, reuníronse en Arteixo co director da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, para presentarlle un proxecto de intervención coa poboación infantil de Castiñeiro de Lobo, para tratar de integrar a estes rapaces e rapazas co resto da rapazada do concello, desenvolver un programa de reforzo escolar e construír un centro social nesta aldea da parroquia de Ames. Ademais, falouse das necesidades e das características do concello de Ames.

O goberno municipal solicitou unha xuntanza co director da Fundación Amancio Ortega para falar da situación e da realidade do concello de Ames, así como para presentarlles as necesidades que ten os municipio amesán. En primeiro lugar, falouse das características tan peculiares que ten a poboación de Ames, xa que é o concello máis xoven de Galicia, en contraposición do que sucede na maioría dos concellos galegos que teñen unha poboación cada vez máis vella.

En segundo lugar, presentouse un proxecto de intervención coa poboación infantil de Castiñeiro de Lobo, para tratar de integrar a estes rapaces e rapazas co resto da rapazada do concello, desenvolver un programa de reforzo escolar e construír un centro social nesta aldea da parroquia de Ames. O Concello de Ames xa desenvolveu varios programas nos que participaron varias familias de Castiñeiro do Lobo. Deste xeito, trátase de seguir prestando este servizo aos nenos e nenas deste lugar amesán.

Ademais, tratouse a problemática do transporte público en Ames en xeral, e en concreto, falouse das dificultades que existen na comunicación entre Castiñeiro do Lobo e o núcleo urbano de Bertamiráns. En moitos casos os nenos e nenas desta aldea da parroquia de Ames non poden acudir ás actividades que se ofrecen en Bertamiráns por falta de medios de transporte públicos e por unha deficiente comunicación dentro do propio concello.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou a boa disposición coa que o director da Fundación Amancio Ortega os recibiu e acolleu as propostas presentadas. “Nesta xuntanza fixemos unha primeira aproximación para presentarlles as necidades que ten o concello de Ames. O director da Fundación Amancio Ortega quedou de revisar os proxectos que lle presentamos. Ademais, falamos da situación de Ames e das características do noso municipio”.

Fundación Amancio Ortega
Desde o ano 2001 a Fundación Amancio Ortega pon en marcha proxectos que favorecen o desenvolvemento das persoas a través dos ámbitos sociais da cultura educativa; da infancia e mocidade; do apoio institucional; e da sociedade e persoas. A Fundación Amancio Ortega identifica e desenvolve os seus proxectos principalmente nas áreas de educación e de asistencia social, asigna a experiencia e os recursos e dá seguimento na implementación dos mesmos.

No ámbito educativo, esta institución pon a disposición dos beneficiarios dos seus programas recursos que lles permiten crecer e enriquecer a súa contorna a través dunha formación completa. Na área asistencial, a Fundación Amancio Ortega leva a cabo tanto accións de xestión propia como colaboracións con institucións que consolidaron o seu labor grazas á dedicación constante en beneficio das persoas e as contornas menos favorecidas.

A Fundación Amancio Ortega créase como unha institución sen ánimo de lucro que xestiona e desenvolve os seus proxectos, proxectos acordes coa liña de actuación e estratexia determinadas polo seu padroado: asignación de recursos, capital, traballo e coñecemento en cada unha das actividades que decide promover. Ademais, as súas accións marcan un tempo definido na xestión e desenvolvemento das mesmas; desde a procura de novas liñas de actuación, ata a avaliación de resultados.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames plantea a la Fundación Amancio Ortega un plan de integración social"