[06-07-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o Axente de Desenvolvemento Local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, mantiveron unha xuntanza este martes, 5 de xullo, pola tarde, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, co obxectivo de falar de políticas activas de emprego e de medidas e posibles liñas nas que poderán colaborar o Concello e a Consellería no futuro. Algunhas destas medidas que se porán en marcha no mes de setembro son os obradoiros de emprego (RenovAmes-Brión e Accede) e mailo programa integrado para o emprego (InserAmes-Brión). Destes programas e obradoiros vanse beneficiar 95 participantes e 12 profesores/as.
O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que se tratou dun encontro moi cordial e distendido no que lle demos as gracias ao conselleiro por seguir mantendo estes programas no concello de Ames. Deste xeito, máis de 100 veciños de Ames e Brión van poder participar en programas de formación. Na actualidade, xa se está impartindo no centro de formación de Aldea Nova un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, que se enmarca dentro do programa da rede Xiana 2. A este curso haberá que sumarlle dous obradoiros máis e mailo programa integrado InserAmes-Brión. Deste xeito, damos cumprimento a impartición de cursos formativos pero enfocados á integración no mercado laboral”.
A xuntanza mantida entre o goberno municipal e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, serviu para abordar varios asuntos relativos a posta en marcha de diferentes obradoiro e outras cuestións en materia de emprego. En primeiro lugar falouse dos obradoiros de emprego (RenovAmes-Brión e Accede) e do programa integrado para o emprego (InserAmes-Brión), que se van a poñer en marcha durante o mes de setembro. O Concello de Ames recibiu resposta da Xunta de Galicia onde se informa da concesión de axudas para o desenvolvemento destes obradoiros e do programa InserAmes-Brión.
O obradoiro RenovAmes terá unha duración de 6 meses e contará con 15 alumnos/as traballadores/as e 5 profesores/as. Este obradoiro estará dirixido á colocación de equipamentos térmicos de biomasa (mellora da eficiencia enerxética) nos locais sociais de Augapesada, Piñeiro, Biduído e na escola unitaria da Tarroeira (Ames), así como nos locais sociais dos Ánxeles, da banda de música municipal, da escola de música e da biblioteca municipal (Brión).
Outro dos obradoiros que se porá en marcha no vindeiro mes de setembro é o proxecto ACCEDE no que participarán 20 alumnos/as traballadores/as e 5 profesores/as durante 6 meses. Neste caso este proxecto estará dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais. Deste xeito, realizaranse traballos na praza da Maía e na parte superior da praza de Chavián, en Bertamiráns, e na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro.
Por outra banda, o Concello de Ames porá en marcha a novena edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión, que conta cunha subvención da Consellería de 104.426 euros, e un orzamento total de 130.532 euros. A través deste proxecto, do que se beneficiarán 60 persoas e 2 titores/as de inserción laboral, trátase de favorecer a empregabilidade do menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación e mozos/as menores de 30 anos desempregados. Esta iniciativa terá unha duración de 12 meses nos que se impartirán diversos cursos e accións formativas e que contará con servizo de titorías individuais.
Outros asuntos en materia de emprego
Nos últimos anos o Concello de Ames contou cunha brigada integrada por persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), para desenvolver distintos servizos municipais. O rexedor municipal preguntou pola posibilidade de contar con este grupo de traballo, pero dende a Consellería respondéronlle que este ano non se concedía a subvención para a contratación destas persoas debido ao esgotamento do presuposto para este fin.
Outra das petición feitas por parte do executivo amesán ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria foi a utilización dalgunhas das aulas do centro de formación que ten a Xunta de Galicia na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para poder impartir algúns dos obradoiros de emprego que se lle concederon ao Concello de Ames. Francisco Conde trasladoulle ao rexedor municipal que van a estudar esta proposta. Por último, falouse dunha nova orde de subvencións, que pretende sacar a Xunta de cara ao vindeiro exercicio, para fomentar a instalación de viveiros industriais e de fabricación de artesanía nos polígonos empresarias.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Pondrán en marcha dos talleres de empleo en septiembre"
La Voz de Galicia: "Ames ofrecerá dos talleres de empleo para 35 personas con fondos de la Xunta"




