Pestanas principais

O goberno municipal mantén unha reunión coa conselleira de Infraestruturas para desviar o tráfico pesado da N-550 ao seu paso polo Milladoiro

Martes, 05 de xullo de 2016

[05-07-2016] Este luns, 4 de xullo, o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, mantiveron unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co fin de trasladarlle varios asuntos e peticións da veciñanza que preocupan e que se queren solucionar o antes posible. O tema principal que se trasladou á conselleira foi a posibilidade de desviar o tráfico pesado, que circula polo núcleo do Milladoiro, cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Tamén se realizaron varias peticións en materia de vivenda e mobilidade e relativas á rede de estradas que pasan por Ames.

Solicitude de cesión da antiga estrada AC-544
Dende a construción do novo tramo da estrada AC-544, que une Bertamiráns co concello de Negreira, o tramo que pasa pola localidade de Trasmonte permanece abandonado e con necesidade de arranxarse. Esta vía é a que accede no seu comezo á estrada municipal que vai ata a igrexa de Trasmonte e que comunica este lugar co resto da parroquia, e enlaza coa estrada que vai desde Augapesada (Ames) ata a estrada provincial que pasa por Ponte Maceira.

Segundo expresan dende o goberno municipal esta vía de comunicación ten unha gran importancia para esta parroquia, e conta cun elevado tráfico, pero necesita un arranxo urxente debido as numerosas fochancas que ten. O goberno municipal xa ten solicitada a mellora do seu firme, así como a cesión da mesma ao Concello. O goberno municipal achegoulle un documento á Conselleira para que sexa estudado coa intención de que se proceda ao seu arranxo e posteriormente se ceda á titularidade municipal para que sexa no futuro o Concello o que se encargue dos seus arranxos e mantemento.

A consellería de Infraestruturas fixo público que ten previsto dotar de iluminación á rotonda de acceso á autovía AG-56 desde a AC-544 (Bertamiráns norte), solicitude que lle trasladara o propio alcalde na visita realizada a Bertamiráns con motivo do desprendemento do noiro na autovía. A previsión de colocación desta iluminación é para este verán.

Por último, déuselle traslado a Ethel Vázquez dos escritos enviados á consellería de Infraestruturas e Vivenda para solicitarlle que estudasen a posibilidade de pintar dous pasos de peóns en lugares próximos ao Camiño de Santiago – Fisterra e que entre os meses de maio e outubro teñen un gran tránsito de peregrinos. Os pasos de peóns que se solicitan son para o núcleo de Ventosa, na estrada AC-453 Roxos – Portomouro, e outro para o lugar de Augapesada, nas inmediacións da ponte romana, nesta mesma estrada autonómica. Ademais, tamén se lle solicitou a esta mesma consellería a limpeza das cunetas e beirarrúas na estrada AC-453, Roxos Portomouro.

Petición en materia de vivenda e mobilidade
En materia de vivenda dende o goberno municipal solicitóuselle á conselleira o arranxo das escolas unitarias, onde antigamente vivían os mestres que impartían clase nestas escolas, co fin de destinalas a fins sociais. Dende a consellería trasladóuselle ao goberno que estaban estudando un proxecto nesta liña pero non de xeito inmediato. Ademais, van a sacar un liña de subvencións para o illamento térmico que poderá ser destinado a tal fin. En materia de mobilidade, o executivo amesán solicitou poder realizar algunhas modificacións nas liñas de transporte metropolitano e tamén que se limpen as marquesiñas do transporte público. A conselleira informou do inicio onte mesmo da licitación para a compra de novas marquesiñas.

Un dos principais obxectivos do goberno municipal é humanizar a localidade do Milladoiro e para iso é necesario aliviar a carga de tráfico rodado que soporta diariamente a avenida de Rosalía de Castro. Deste xeito, o goberno municipal mantivo unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co obxectivo de buscarlle unha solución a este problema que levan soportando os veciños do Milladoiro dende hai máis de 20 anos.

Cómpre lembrar que no pasado mes de febreiro o goberno municipal mantivo unha xuntanza co xefe territorial, Ángel del Rio, co xefe provincial, Eduardo Toba, e cun técnico da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia. Nesta reunión falouse da posibilidade de limitar o tráfico de vehículos pesados na avenida de Rosalía de Castro, mediante o desvío obrigatorio dos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550.

Para levar a cabo esta medida é necesario colocar a sinalización correspondente, que prohiba o paso destes vehículos de gran tonelaxe, para evitar que circulen pola travesía de Rosalía de Castro e facer as obras precisas na glorieta das Galanas para que poidan xirar os devanditos camións. Dende a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia trasladóuselle ao Concello a necesidade da sinatura dun convenio entre as Administracións competentes, Fomento e Xunta de Galicia, para derivar este tráfico a través da AG-56.

Na reunión de onte a conselleira trasladoulle ao Concello que non se tiña constancia de convenio algún por parte de Fomento e emprazou ao alcalde a presentar unha proposta de convenio para articular esta medida, que deberá contar co visto e prace do Ministerio de Fomento e da Dirección Xeral de Tráfico. O alcalde de Ames, José Miñones, amósase "sorprendido e decepcionado xa que o executivo amesán contaba que nestes meses dende a Demarcación de Estradas se tivera iniciado este trámite tan necesario. O feito de nin sequera comunicalo á Xunta evidencia a falta de compromiso por parte do Ministerio".

Aínda así, o rexedor municipal, indica que “os técnicos municipais se encargarán de elaborar o devandito convenio e enviarllo a todas as partes implicadas co fin de executar esta medida no prazo de tempo máis curto posible. Esta medida permitirá desviar o tránsito de 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas e máis de 1.000 camións que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. Ademais, permitiría humanizar un pouco máis esta localidade amesá. Asemade, comunicóuselle á conselleira que é necesario sinalizar na autovía AG-56, que vai de Santiago a Brión, a saída cara o polígono industrial Novo Milladoiro”.

Por outra banda, o goberno municipal trasladoulle á Xunta de Galicia outras peticións relativas á rede de estradas que pasan por Ames. Deste xeito, solicitouse o arranxo do firme e o pintado da avenida da Maía (AC-543). Sobre este asunto, Ethel Vázquez indicou que existe a posibilidade de que durante este verán se poidan realizar actuacións de mellora nesta estrada. Outra petición foi a execución dunha senda peonil que una Piñeiro con Portomouro (Val do Dubra), xa que segundo explica o concelleiro de Obras, Blas García, “trátase dun itinerario moi frecuentado pola veciñanza de Piñeiro. Por iso é necesario mellorar a seguridade viaria nesta zona”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Mejorarán la seguridad a partir de agosto en la travesía de Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "La Xunta rechaza asumir costes del proyecto para desviar el tráfico pesado de la travesía de Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Ames mediará entre Fomento y la Xunta para desviar el tráfico pesado que cruza Milladoiro"