Pestanas principais

O goberno municipal licita o servizo de cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro

Xoves, 10 de marzo de 2016

[10-03-2016] O goberno está traballando para regularizar a situación contractual na adxudicación da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, mediante unha oferta pública e transparente. Para iso dende os departamentos de Cultura e de Contratación estívose traballando na redacción dos pregos técnicos que rexerán o concurso público para licitar este servizo. No día de hoxe sae publicado o anunciou de licitación no Boletín Oficial da Provincia, polo que a partir de mañá, e durante 15 días naturais, as empresas e autónomos que estean interesadas/os poderán presentar as súas ofertas para optar a prestar este servizo. O anuncio de licitación tamén se pode consultar no perfil do contratante da páxina web municipal.

O pasado xoves, 3 de marzo, a Xunta de Goberno Local aprobou os pregos que rexerán o concurso de licitación pública para a adxudicación do servizo de explotación da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro. Unha vez superado este trámite os devanditos pregos foron publicados hoxe no Boletín Oficial da Provincia e no Perfil do contratante ao cal se pode acceder dende a páxina web municipal.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradece “o esforzo realizado polos técnicos municipais que participaron na elaboración destes pregos, así como o traballo realizado pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que se volcou na redacción e posta e común deste documento que hoxe publica o BOP. O goberno municipal anima a todos os interesados a presentar a súa oferta, coa finalidade de reabrir a cafetería o antes posible e nas mellores condicións do servizo”.

Deste xeito, a partir de mañá, e durante 15 días naturais, as empresas e autónomos que estean interesadas/os poderán presentar as súas ofertas para optar a prestar este servizo. As ofertas deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello, que está situado na Casa do Concello. A duración inicial do presente contrato será de dous anos, podendo prorrogarse por períodos dunha anualidade ata un máximo de dúas anualidades, polo cal a duración máxima do contrato non poderá exceder os catro anos, incluído período inicial e prorrogas.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que “o goberno segue traballando na regularización dos servizos e no cumprimento dos plans de contratación, tratando de cumprir co programa de goberno asinado en xuño de 2015, e no que nos comprometíamos a incluír cláusulas sociais nos pregos de contratación. Esperamos que este servizo se poida prestar o antes posible e sexa de calidade”.

O valor estimado do contrato é de 144.000 euros, máis 30.240 euros de IVA (21%), facendo un valor total do contrato de 174.240 euros. O canon base de licitación fixase nun mínimo de 250 euros/mensuais máis o IVE do 21%, o que fai un total anual de 3.630 euros/ano.

O concelleiro de Cultura, David Santomil, explica que o goberno municipal ten o obxectivo regularizar a situación contractual na adxudicación da cafetería, mediante unha oferta pública e transparente. Xunto coa regularización contractual o goberno pretende con este novo prego que sexa a empresa ou persoa concesionaria a que asuma os custos de luz dun xeito individualizado. Por este motivo realizarase una contabilidade separada dos custo eléctrico da Casa da Cultura e da cafetería, ata o de agora asumidos na súa totalidade polo Concello de Ames”.

Novidades nos criterios de puntuación
Hai que destacar que por primeira vez nos pregos de licitación deste servizo introducíronse uns criterios sociais puntuables para a adxudicación. A situación de desemprego do solicitante, grao de diversidade funcional e condición de familia numerosa puntuarase ata un máximo de 15 puntos, dentro dos 100 puntos máximos a que poderán optar na licitación.

A oferta económica terá un valor máximo de 50 puntos. A realización de posibles melloras nas instalacións da cafetería para a súa apertura obterán un máximo de 10 puntos, xunto coa elaboración de produtos na propia cafetería que se puntuará con outros 15 puntos e a oferta de produtos que teñan en conta as intolerancias alimentarias que poderán obter outros 10 puntos. Por último, ao tratarse dun espazo público de carácter cultural limítase o consumo de bebidas alcohólicas a viño e cervexa.

Sobre este asunto a concelleira de Economía e Facenda, e responsable da área de Contratación, Genma Otero, explica que "cumprindo co compromiso adquirido no noso programa de goberno incluímos nesta licitación, e por primeira vez no Concello de Ames, cláusulas e criterios de carácter social nos pregos. Era unha das nosas apostas, que dentro dos procesos de contratación pública se valorasen criterios sociais coma o desemprego, cargas familiares, diversidade funcional, etc. Pouco a pouco imos conseguindo melloras e incorporándoas aos procesos de contratación co obxectivo de tentar conseguir que se teñan en conta estes criterios ata o de agora esquecidos”.

Horario de apertura da cafetería
O adxudicatario deberá comprometerse a manter a cafetería aberta e en funcionamento en horario de luns a venres, de 9:00 a 22:30 horas, e os sábados, de 9:00 a 14:00 horas. O adxudicatario tamén terá a obriga de manter aberta a cafetería fóra do horario establecido anteriormente, cando o Concello así llo indique, con motivo da realización na Casa de Cultura ou nas súas inmediacións de calquera actividade que o Concello ou un terceiro organice, e se considere conveniente que a cafetería permaneza aberta para servizo do público asistente, ata un máximo de 9 xornadas ao ano.

Así mesmo, e previa petición do adxudicatario e pertinente autorización do Concello, tamén se poderá permitir a apertura da cafetería fóra dos horarios ou xornadas anteriormente establecidos como obrigatorios.

Durante o período de redacción dos pregos, que contan cos informes técnicos favorables, e ata a adxudicación da cafetería está habilitado ese espazo con máquinas dispensadoras de bebidas e aperitivos, para atender as necesidades dos usuarios e usuarias da Casa da Cultura do Milladoiro.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Sale a licitación la cafetería de la Casa da Cultura de Milladoiro"