[27-12-2016] Este pasado luns, 26 de decembro, celebráronse comisións extraordinarias e urxentes para tratar a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva da segunda modificación da Relación de Postos de Traballo. Despois de que este tema quedase encima da mesa sen votar no pasado pleno extraordinario do 14 de decembro, agora o goberno volve a levalo a unha sesión plenaria cunha nova modificación: a supresión do posto de Secretaría adxunta (reservado para habilitados nacionais) e a creación dun posto de técnico de Secretaría, que asuma tamén funcións en materia de Recursos Humanos, e pertencente ao subgrupo profesional A1. Nestas comisións tamén se trataron dous asuntos relacionados coas competencias que ten delegadas á Deputación da Coruña en materia de recadación.
O pasado 14 de decembro celebrouse un pleno extraordinario onde se debateu a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da RPT. Este documento, despois de ser aprobado de xeito inicial en sesión plenaria o 30 de xuño, ten que ser sometido a consideración do pleno para ser ratificado de forma definitiva. Dita proposta foi debatida por parte da corporación municipal, pero finalmente quedou encima da mesa ante a proposta presentada polo concelleiro non adscrito, Javier López, que foi apoiada polo propio concelleiro non adscrito e polos edís dos grupos municipais de Ames Novo, Partido Poupar e Pacto por Ames.
Ante esta circunstancia o goberno municipal convocou a Mesa Xeral de Negociación o pasado 20 de decembro, onde os delegados sindicais, que representan ao persoal municipal, ratificaron o acordo ao que se chegou co goberno na Mesa Xeral de Negociación anterior, celebrada o pasado 11 de novembro de 2016. Dito acordo recollía a posibilidade de substituír a creación, na RPT, dun novo posto de Secretaría adxunta (reservado para habilitados nacionais) por un posto de técnico de Secretaría, que asuma tamén funcións en materia de Recursos Humanos, e pertencente ao subgrupo profesional A1. A este acordo chegouse co voto favorable de todos os membros da Mesa Xeral de Negociación, salvo dous delegados sindicais do CSIF que votaron en contra.
Ese mesmo día, o 20 de decembro, o grupo municipal Ames Novo, meteu por rexistro unha proposta na que manifestaba a súa vontade de absterse, posibilitando a aprobación da RPT, no caso de que se suprimise o posto de Secretaría adxunta e se crease un posto de técnico de Secretaría do subgrupo A1, ligado a Recursos Humanos, tal e como se recolle na acta da Mesa Xeral de Negociación do 11 de novembro de 2016. Para o alcalde de Ames, José Miñones, "é unha mágoa que este mesmo posicionamento non se tivese pronunciado con anterioridade, e así ter xa resolto este asunto que é moi urxente para os traballadores".
Creación dun posto de técnico de Secretaría A1
O rexedor municipal tamén explica que “o pasado martes 20 de decembro, na Mesa Xeral de Negociación, volvemos a aprobar o mesmo acordo subscrito cos representantes dos traballadores o pasado 11 de novembro, e no que se incluía a posibilidade de crear o posto de técnico de Secretaría. Para o goberno o posto de secretaría cuberto cun habilitado conta con moitísimos máis beneficios que o que agora se vai aprobar, pero ante a negativa dos grupos da oposición levaremos ese cambio ao pleno de decembro co obxectivo de aprobar definitivamente esta proposta, que consideramos que é moi positiva para os traballadores e traballadoras municipais".
Deste xeito, co obxectivo de conseguir o maior apoio posible dentro da corporación, o goberno municipal introduciu unha serie de cambios sobre o texto inicial aprobado no pleno do 30 de xuño. Ditas modificacións atinxen a dous erros detectados no documento inicial (o subgrupo correcto do posto de técnico de orientación laboral é A1 e o número de educadores/as infantís das escolas infantís municipais é de 25). Ademais, recóllese a supresión do servizo único de conserxería e maila creación dun novo posto de conserxe adscrito ao departamento de Educación. Por último, suprímese o posto de Secretaría adxunta e crearase un novo posto de técnico de Secretaría, que asuma tamén funcións en materia de Recursos Humanos, e pertencente ao subgrupo profesional A1.
Competencias da Deputación da Coruña en materia de recadación
Por outra banda, na comisión informativa de Economía e Facenda abordouse o exercicio das accións legais pertinentes para a impugnación das resolucións da presidencia da Deputación Provincial da Coruña 2016/25453 e 2016/24759, pola que se desestima o requirimento de nulidade dirixido contra as anteriores, por entender que non se axustan a dereito, así como para a reclamación á Deputación Provincial dos danos e prexuízos causados aos intereses do Concello de Ames. Despois abordouse a revogación parcial da delegación de competencias efectuada polo Concello de Ames mediante acordo plenario de 25 de outubro de 2012 na Deputación Provincial da Coruña coa que o Concello pretende dar solución á situación actual. Na comisión estiveron presentes os técnicos do Concello para dar contestación ás dúbidas que lle puideran xurdir aos grupos da oposición.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Vuelve a pleno la RPT con la plaza de técnico de Secretaría"




