Pestanas principais

O goberno municipal inviste máis de 50.000 euros no lugar de Miso da parroquia de Lens

Sábado, 26 de agosto de 2017

[26-08-2017] O Concello de Ames realizou un importante investimento na parroquia de Lens durante as últimas semanas. Deste xeito, investíronse 30.855 euros na pavimentación e mellora do camiño de Miso. Esta obra foi sufragada con cargo ao orzamento municipal para o exercicio de 2017. Estas obras están sendo complementadas coa execución das canalizacións necesarias para dotar ao lugar de Miso de abastecemento e saneamento. Este proxecto ten un custo de 22.150 euros. Ditas canalizacións estarán conectadas a nova ETAP, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión.

O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, achegáronse ata a parroquia de Lens para ver como quedaron as obras executadas para pavimentar o camiño de Miso. A través destes traballos arranxáronse as fochancas da calzada e mellorouse a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma. Estas obras realizáronse nun tramo de 400 metros de lonxitude por 4 de ancho. Tamén se substituíu todo o pavimento nun treito de 140 metros por 5 de ancho, que foi reasfaltado con 5 centímetros de zahorra e 15 de formigón.

Ademais, realizouse unha cuneta de seguridade en dito camiño, revestida de formigón, baixo a que se canalizou unha tubaxe de PVC de 215 milímetros de diámetro. Tamén se construíron 4 arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.

Obras de saneamento e abastecemento
Por outra banda, aproveitando estas obras de pavimentación executáronse unha parte dos traballos necesarios para dotar de saneamento e abastecemento ao lugar de Miso. O resto de obras de saneamento están executándose na actualidade. Estas obras, que teñen un custo de 22.150 euros, están sendo realizadas pola empresa Espina & Delfín SL, que é a entidade que xestiona o abastecemento de auga do Concello. Estes traballos recollen a instalación de colectores de saneamento, tuberías, pozos de rexistro e arquetas de formigón. As canalizacións instaladas estarán conectadas a nova ETAP, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que o goberno municipal sufragou a través de fondos propios o arranxo do camiño de Miso e mailas obras para dotar de abastecemento e saneamento a esta aldea da parroquia de Lens. Deste xeito, demóstrase que este goberno aposta pola mellora do rural. Estas obras enmárcanse no plan de mellora dos camiños parroquiais e de ampliación das redes de saneamento, tal e como comprometemos ao comezo deste mandato".



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El Concello de Ames invierte más de 50.000 euros en la parroquia de Lens"
La Voz de Galicia: "Ames acomete mejoras en infraestructuras en Lens"