Pestanas principais

O goberno municipal investirá preto de 400.000 euros para unir a Travesía do Porto co parque verde público do Milladoiro

Sábado, 05 de agosto de 2017

[05-08-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación do proxecto de construción e urbanización da beirarrúa oeste da Travesía do Porto e mailo acceso dende esta rúa á zona deportiva e educativa que está ao carón da Casa da Cultura e do instituto desta localidade. A intención do goberno municipal é conectar a zona urbana cos espazos verdes que están nesta zona do Milladoiro para crear neste lugar un gran espazo de lecer e esparexemento tanto de nenos/as coma de adultos. Este parque contará cunha escaleiras e unha rampla accesible como accesos a propia Travesía do Porto. Estas obras teñen un presuposto de 389.408,41 euros. A través desta obra tamén se dotará dos servizos necesarios á contorna da parcela onde se vai a construír o novo centro de saúde do Milladoiro.


Instalación das redes eléctrica, saneamento e abastecemento
Por outra banda, construírase unha nova rede de abastecemento de auga que dea servizo ás demandas de rega que plantexan os espazos verdes proxectados. A conexión realízase á condución existente na rúa do Buxo e pecharase o circuíto coa conexión a rede á altura do cruce da Travesía coa rúa Cereixos, seguindo as indicacións da compañía concesionaria do servizo municipal. Respecto da rede de rega, proxéctase a implantación de aspersores para atender a rega do axardinamento do parque urbano, deseñándose dita rede para atender á totalidade de áreas axardinadas.

Tamén se contempla a execución dunha rede separada de saneamento para a recollida de augas pluviais e maila instalación dunha rede de enerxía eléctrica, ao longo da beirarrúa oeste, que dará servizo á iluminación pública proxectada no ámbito obxecto do presente proxecto; isto é: o conxunto de luminarias proxectadas na beirarrúa oeste da Travesía do Porto, e os proxectores sobre báculo que iluminan o acceso adaptado ao parque do Milladoiro e á zona de xogos infantís. A iluminación pública proxéctase con dobres luminarias tipo Iguzzini Delphi ou similar en poste de 8 metros de altura no aparcamento. No interior do acceso ao parque instalaranse luminarias tipo Iguzzini iPro ao marxe do percorrido de acceso, sen interromper a súa continuidade.

Por último, o proxecto recolle a sinalización horizontal (pintura na travesía dos pasos peonís, separación de carrís, liñas de detención, etc) como a vertical (sinais de ceda o paso, de información, de pasada...).

Unión da área urbana cos espazos verdes
A través desta actuación váiselle dar continuidade a zona urbana que ven dende a rúa Palmeiras e vaise abrir o parque verde público aos peóns que transiten pola Travesía do Porto. O obxectivo do goberno municipal é abrir o parque central do Milladoiro (que está pegado á Casa da Cultura, ao pavillón, á piscina descuberta e ao instituto) e unilo á Travesía do Porto para formar unha gran zona verde e área de lecer para todos os veciños e veciñas desta localidade. Este parque contará cunha escaleiras e unha rampla accesible como accesos a propia Travesía do Porto.

Para o goberno "esta obra suporá a conectividade física entre o centro urbano e os espazos de lecer, permitindo incrementar a seguridade do entorno educativo e unha conectividade maior coa zona verde do Milladoiro e que terá continuidade no 2018 cunha actuación sobre a zona verde do S-15".

O goberno municipal traballa na mellora do Milladoiro. Para iso acábase de aprobar en Xunta de Goberno o inicio do expediente de contratación para urbanizar a beirarrúa oeste da Travesía do Porto e conectala co parque público que está ao carón da Casa da Cultura, do pavillón e do instituto desta localidade. Este proxecto, que terá un custo de 389.408,41 euros, será sufragado a través dunha achega provincial de 2016 (antigo Plan de Acción Social) que está incluída dentro do POS+ 2017.

A través deste proxecto abordarase a ordenación da Travesía do Porto que seguirá mantendo a súa configuración de travesía urbana. Deste xeito, a través desta obra esta rúa disporá dunha calzada de 7 metros de sección, aparcamentos laterais de 2,5 m que incorporan unha rigola que os separa da calzada e unha beirarrúa oeste totalmente reformada. Neste tramo a sección neta desta beirarrúa, de 7 metros, distribúese en beirarrúa exterior (Camiño Portugués) de 3,30 metros, e beirarrúa interior de 2,60 metros de dimensión mínima, separadas ambas por aliñación de arboredo. Nesta fase non se executa a beirarrúa leste, e da calzada só a sección necesaria para incorporar a canalización de pluviais prevista.

Ordenación dos espazos libres peonís
En canto á ordenación dos espazos libres peonís o proxecto recolle a execución dunha bancada de acceso e un espazo de transición entre a Travesía do Porto e o parque verde público. Para crear a bancada de acceso, acondicionarase unha pequena área de solo residual entre as pistas deportivas públicas e as novas edificacións previstas, para dispor dunha entrada aos espazos verdes dende a Travesía do Porto.

Así, ampliarase a súa función actual e poderase empregar como área de lecer, mediante a súa transformación en grada e escaleiras, onde poidan incorporarse os elementos de amoblamento e axardinamento que sexan adecuados para o descanso e as actividades propias dun parque, de xeito que o propio acceso forme parte do parque. Incorpórase así, a conformación de bancos sobre as gradas a aos pes dos muros. Ademais, construírase un espazo de transición entre o acceso pavimentado e as novas edificacións, que procurará a recuperación do arboredo existente e a implantación de novas especies así como de novas zonas de xardín.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Avanza la urbanización de la amiense Travesía do Porto tras 20 años"
La Voz de Galicia: "Ames destina 389.000 euros a unir la Travesía do Porto con el parque verde de Milladoiro"