Pestanas principais

O goberno municipal informa que o número de casos positivos Covid en todo o concello de Ames é de 48 persoas

Sábado, 26 de setembro de 2020

A extensión das restricións existentes no concello de Santiago de Compostela á totalidade do núcleo urbano do Milladoiro, no Concello de Ames, o día 24 de setembro elevaron a preocupación veciñal e a publicación de determinada información nos medios de comunicación acentuaron a confusión en relación á situación epidemiolóxica municipal. Deste xeito, o goberno municipal informa que o número de casos positivos Covid en todo o concello de Ames é de 48 persoas. A información comunícase despois de solicitarlle á Consellería de Sanidade que fixera públicos os datos por canles oficiais e autorizadas.

Neste senso, o Concello de Ames aclara que as restricións do núcleo urbano do Milladoiro non veñen impostas por un elevado número de contaxios, senón pola existencia dun gromo orixinado nun evento familiar cun difícil seguimento, ao tratarse de persoas asintomáticas ou con síntomas leves.

O Concello de Ames solicitou á Consellería de Sanidade que fixera públicos os datos de casos positivos e mesmo que aclarase a orixe do gromo existente no Milladoiro, de cara a desmentir o rumor dun contaxio masivo.

Dende o goberno municipal tripartito solicítase que os concellos dispoñan de dita información en casos de alarma social e que poida informarse para enviar unha mensaxe de tranquilidade ao conxunto da poboación.

Debido a esta situación e previa autorización da Consellería de Sanidade, o Concello de Ames informa que número de casos positivos a data do 24 de setembro é de 48 persoas, o que supón un caso menos que os rexistrados ao inicio da semana.

Aclarar que esta cifra corresponde ao número total de casos existentes no concello de Ames, sen que coñezamos a ubicación dos mesmos dentro do ámbito municipal.

Así mesmo, o goberno municipal trasladou á Consellería de Sanidade a importancia de localizar os casos asintomáticos no concello de Ames. Como resposta, a Consellería realizará a vindeira semana un cribado masivo de 3.000 mostras entre a poboación do concello, co obxectivo de frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos asintomáticos.

Finalmente, aclarar que o número total de positivos COVID supón un 0,15% da poboación total do concello de Ames, que supera os 32.000 habitantes. A variación da cifra de casos positivos en relación a principios do mes de setembro, cando a Consellería aplicou as restricións de aforo no veciño concello de Santiago de Compostela, incrementouse entre os 20 e 30 casos positivos.

Colaboración na loita contra a COVID

Dende o goberno municipal queremos trasladar toda a colaboración na loita contra a COVID, con información de carácter oficial e mediante a comunicación directa. A transparencia na información pública, cumprindo en todo momento coa protección de datos persoais, é unha obriga das administracións públicas.

Do mesmo xeito facemos unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade da cidadanía. Os amesáns e amesás demostraron estar á altura das circunstancias dende o inicio da pandemia e confiamos que nesta ocasión non vai ser distinto.

A mobilidade laboral e social entre O Milladoiro ou Bertamiráns e a capital galega, xunto co inicio do curso escolar e universitario, son factores que incrementan notablemente os contactos e, en consecuencia, as medidas de precaución deban incrementarse.

Os esforzos de meses atrás para evitar os contaxios non poden ficar en nada, polo que insistimos na necesidade de colaboración cidadá e no cumprimento das normas establecidas, porque isto é cousa de todos e todas.

Moitas grazas pola vosa responsabilidade e colaboración.

Novas relaciondas:

El Correo Gallego: "Sanidade fará 3.000 test de coronavirus á poboación de Ames"

La Voz de Galicia: "Sanidade realizará un cribado de 3.000 muestras en Ames para tratar de frenar el covid-19"

Lindeiros: "Sanidade fará 3.000 test en Ames que ven de confirmar 48 positivos por Covid"

Compostela 24horas: "Sanidade realizará la próxima semana un cribado masivo de 3.000 muestras en Ames"

O goberno municipal informa que o número de casos positivos Covid en todo o concello de Ames é de 48 persoas.