Pestanas principais

O goberno municipal incrementa o número de prazas do Entroido Lúdico que conta 70 nenos e nenas inscritos

Luns, 27 de febreiro de 2017

[27-02-2017] Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames apostou polo programa de conciliación Entroido Lúdico. Nesta ocasión incrementouse a participación respecto á pasada edición. Este ano participan un total de 70 rapaces e rapazas (41 en Bertamiráns e 29 no Milladoiro) neste programa que se desenvolverá durante os días 27, 28 de febreiro e 1 de marzo. O ano pasado a participación foi de 46 persoas, polo que dito programa consolídase dentro da oferta de lúdicos que ofrece de xeito regular a Concellaría de Educación e Cultura ao longo de todo o ano.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, achegouse hoxe pola mañá ata a Escola de educación infantil do Milladoiro e ao CEIP da Maía de Bertamiráns para comprobar que o Entroido Lúdico está desenvolvendo con normalidade. Durante esta visita, Santomil, destacou a boa acollida que está tendo este programa que se puxo en marcha, por primeira vez o pasado ano. “Durante esta edición tivermos que incrementar o número de prazas respecto do ano pasado, e aínda así houbo que facer un sorteo xa que se presentaron unhas 90 solicitudes. Isto é unha clara mostra da necesidade deste programa que estreamos o ano pasado”.

O Entroido Lúdico desenvolverase os días 27 e 28 de febreiro, así como o 1 de marzo, no mesmo horario e coa mesma modalidade coa que se veñen impartindo os demais programas lúdicos. As actividades que se desenvolveran ao longo destes tres días céntranse no xogo. A diferencia doutros programas lúdicos, neste servizo os rapaces e rapazas de educación infantil e primaria non están divididos por idades e participan nos mesmo xogos e actividades. Ademais, están elaborando un photocall e diversos adornos relacionados co entroido.

Por outra banda, o concelleiro de Educación e Cultura explicou que “Ames segue sendo unha referencia na oferta de programas de conciliación da vida familiar e laboral como o demostra a posta en marcha deste servizo no Entroido. Incrementouse un 30% o número de prazas en relación ao ano anterior, acadando as 70 ofertadas, e modificouse o contrato coa empresa que o xestiona para incorporalo ao conxunto de programas lúdicos".

Primavera Lúdica
Cómpre lembrar que está aberto o prazo de inscrición no servizo da Primavera Lúdica. Os interesados poderán apuntar aos seus fillos/as ata o 3 de marzo. Este programa desenvolverase durante os días 10, 11, 12 e 17 de abril, que coinciden coas vacacións escolares de Semana Santa. Ao longo de catro días organízanse unha serie de actividades educativas e culturais pensadas para que aquelas familias que o precisen poidan conciliar os seus horarios de traballo co coidado dos seus fillos e fillas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Aumenta la demanda de planes de conciliación de carnaval y la oferta de actividades en los concellos"