[27-05-2017] O pasado 18 de maio dende a Concellería de Economía e Facenda presentábase a primeira iniciativa de Orzamentos Participartivos 2017 no Concello de Ames. Nunca antes houbo no Concello ningunha experiencia deste tipo. Desde o goberno amesá apostouse por este tipo de iniciativa por considerar que é unha ferramenta activa de participación e xestión directa e aberta da cidadanía para elaborar e presentar propostas e decidir sobre o destino de parte dos recursos municipais.
Xa participaron máis de 80 veciñas/os
Desde o goberno municipal salientan que están moi satisfeitos coa resposta que están a ter estas xuntanzas veciñais, nas que están a acudir un número importante de veciñas/os. Nas 5 primeiras xuntanzas participaron máis de 80 veciñas/os, sabendo que as veces estas fórmulas de participación son descoñecidas e que hai que facer unha labor importante para implantar este tipo de iniciativas ata conseguir que haxa unha alta participación. Nestas xuntanzas, ademais de debater sobre a iniciativa de orzamentos participativos, serven de espazo para o debate e trasladar as demandas e necesidades de actuacións no rural.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, amosa o contento do goberno municipal coa resposta que está a ter esta iniciativa. “Agradezo a todas aquelas veciñas/os que están a participar nos encontros veciñais, así como animamos á participación a toda a veciñanza. O goberno aposta fortemente pola implantación de novas formas de gobernabilidade, onde sexa a veciñanza a que cunha implicación e participación aberta e directa, nos traslade as súas demandas e propostas e que eles mesmos seleccionen as actuacións a desenvolver. Esta é unha primeira experiencia de ferramenta de participación directa da cidadanía que esperamos consolidar e ampliar nos vindeiros anos”.
Poderanse presentar as propostas para investimentos no rural e deberán presentarse por rexistro do 9 de xuño ata o 23 de xuño. Haberá un reparto de 132.000 euros para as 11 parroquias, correspondéndolle a cada unha a cantidade de 12.000 euros, deixando ben claro que esta asignación é a maiores dos investimentos que se están a realizar no rural e todos aqueles que se inclúen dentro dos plans da Deputación ano tras ano que se seguirán realizando.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, acompañada do alcalde, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, presentou esta iniciativa no salón de plenos da Casa do Concello o pasado xoves, 18 de maio, e anunciou o calendario de xuntanzas veciñais coas que se inicia o proceso que se desenvolverá ata o xoves 8 de xuño.
Durante estes 10 días celebráronse 5 xuntanzas veciñais nas parroquias da Ameixenda, Covas, Ames e Trasmonte, onde se deu a coñecer a iniciativa as veciñas/os das distintas parroquias e se explicou o proceso de xeito pormenorizado. As semanas seguintes tocará realizar reunións nas parroquias de Bugallido, Piñeiro, Agrón, Ortoño, Lens, Tapia e Biduído.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Boa valoración da participación nos orzamentos para o rural amaiano"