[16-06-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e representantes da empresa Espina y Delfín, nova adxudicataria do contrato do Ciclo integral da auga, compareceron esta mañá en rolda de prensa nas instalacións da ETAP de Lens, para explicar as novidades e melloras do novo contrato deste servizo municipal. O persoal que traballaba neste servizo foi subrogado pola nova empresa e continúa realizando o traballo que viña facendo. Antes de desprazarse a ETAP de Lens, membros do goberno municipal mantiveron unha xuntanza na Casa do Concello coa xefa de servizo e o responsable do servizo de augas de Espina y Delfín.
O alcalde de Ames, José Miñones, expresou a satisfacción sentida polo Concello nun día como hoxe, despois de meses de recursos e da paralización da adxudicación. “Hoxe podemos dicir que chegou o día. Despois de moitos meses nos que o proceso de adxudicación se tivo que atrasar por causa da existencia de varios recursos, hoxe, 16 de xuño, Espina y Delfín faise cargo do servizo do ciclo integral da auga”. Asemade, Miñones, tamén quixo pór en valor a confianza sentida polo Concello no traballo que a partir de agora desenvolverá a nova empresa adxudicataria do servizo”.
O novo contrato do Ciclo integral da auga presenta varias melloras. Unha delas é a adquisición dun vehículo que conta cunha cámara para inspeccionar a rede, detectando posibles problemas dunha maneira non invasiva. Tamén haberá melloras na xestión dos depósitos coa implantación dun sistema de telexestión, así como unha rebaixa das tarifas nas obras de saneamento e abastecemento que se lle realicen tanto aos usuarios e usuarias como ao concello. A atención ao cliente tamén se verá mellorada coa ampliación do horario da oficina do servizo municipal de augas, que comezará a estar aberta tamén os sábados pola mañá.
Asemade, a partir de agora os cobros serán realizados polo Concello, a través dunha licitación coa Abanca, empresa finalmente adxudicataria do servizo. Desta maneira, o Concello comezará a ter información relativa aos pagamentos, podendo así evitar algúns dos problemas que se veñen sucedendo nos últimos trimestres, como o non cobro dos respectivos padróns por parte da empresa anterior. Alén diso, tamén se está a traballar na contratación dun enxeñeiro de camiños, para poder ter un maior control do servizo da auga, e para poder realizar un estudo de municipalización do servizo.
O rexedor municipal tamén mostrou a incomprensión sentida polo grupo de goberno a respecto do pleno extraordinario solicitado por dous grupos da oposición. “O proceso de selección foi transparente e participativo con todos os grupos, polo que non se comprende a solicitude dun pleno extraordinario por parte do Partido Popular e Pacto de Ames”, asegurou José Miñones.
Por outra banda, o administrador da empresa Espina y Delfín, Óscar Rodríguez, quixo destacar que os servizo de augas de Ames é para eles un servizo emblemático, por ser un dos primeiros que tivo a empresa. Durante a presentación do novo contrato, Rodríguez tamén tivo unhas palabras para as amesás e os amesáns. “Queremos dicirlle á veciñanza de Ames que poden esperar de nós un traballo moi profesional, como sempre o temos desenvolvido. Desde a empresa pensamos que este contrato é un motivo de alegría para nós e tamén para as veciñas e veciños de Ames”, apuntou.
O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, dixo que coa nova empresa esperase regularizar a situación e "sobre todo que o trato dos usuarios e usuarias do servizo de augas mellore notablemente, algo que nos últimos meses tiña empeorado coa xestión da empresa Acciona, e que se reflectía no incremento de queixas e protestas".
Ampliación dos horarios de atención ao público
A oficina do servizo municipal de augas de Bertamiráns está situada na rúa Agrelo, número 7, baixo, (na oficina que ten a entidade Espina y Delfín nesta rúa), mentres que a do Milladoiro está situada na oficina municipal da rúa Viorneira, número 6. O servizo de atención en oficina é de luns a venres, en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 19:00 horas. Ademais, os sábados abren de 9:00 a 14:00 horas. O teléfono de garda é 673 83 03 93 (365 días - 24 h), mentres que o teléfono de atención ao cliente é 900 815 015 (365 días - 24 h). O teléfono da oficina de Bertamiráns é 981 89 07 76 e o do Milladoiro 981 93 94 45.
Por último, cómpre salientar que no Orzamento de 2017 existe unha partida de 45.000 euros para realizar un estudo da municipalización dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Así, contratarse a unha persoa que será a encargada de supervisar e de que se cumpran as condicións reflectidas no contrato deste servizo.


Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Espina y Delfín incorpora mejoras en la gestión del agua de Ames"
La Voz de Galicia: "Ames espera una notable mejora del servicio de agua con la nueva empresa"




