Pestanas principais

O goberno municipal executa con fondos propios obras de mellora da rede de saneamento por valor de preto de 270.000 euros

Domingo, 01 de xaneiro de 2017

[01-01-2017] Nos últimos meses o goberno municipal executou varias obras en varias zonas do concello para mellorar a rede de saneamento. Estes traballos, que tiveron un custo de 268.385 euros, foron sufragados con fondos propios. Así, dotouse de saneamento a 10 vivendas do Pedregal, en Bertamiráns, e a 3 vivendas de Costoia (Biduído), que carecían deste servizo por problemas de desnivel da cota do terreo. Ademais, arranxouse o colector xeral da rede de saneamento de Trasmonte, conectouse á rede eléctrica o sistema de bombeo da rede de saneamento de Gasamáns-Novais e realizouse un investimento para poñer en marcha o cadro eléctrico do sistema de bombeo da rede de saneamento de Oca.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “dende o goberno municipal decidimos executar varias actuacións de mellora da rede de saneamento con fondos propios. Deste xeito, dedicamos os cartos que lle aboa a UTE ao Concello a través do canón para realizar pequenas actuacións de mellora no rural, pero non por iso menos importantes, e non dedicar estes cartos a grandes obras. Ademais, estas actuacións tamén se centraron en poñer a funcionar a rede de saneamento en varios lugares do rural, onde se fixera un forte investimento anos atrás, pero que estaba pendente de rematar”.

O investimento máis importante realizouse en Trasmonte para arranxar o colector xeral da rede de saneamento desta parroquia. Estes traballos de mantemento e conservación tiveron un custo de 121.369,35 euros e foron sufragados a través do coeficiente correctivo que se lle aplica á UTE Acciona Agua Espina Servicios para paliar deficiencias que se detectan na rede de saneamento municipal. Dito colector foi executado no ano 2009 pola Xunta de Galicia, pero quedou mal feito xa que tiña zonas de contrapendente que impedían que os veciños e veciñas desta parroquia se puideran conectar a rede actual. As obras comprenderon unha área de actuación de algo máis de medio quilometro de distancia.

Ademais, dotouse a 6 vivendas e 4 chalés do Pedregal de rede saneamento. Os veciños e veciñas desta zona de Bertamiráns levaban anos reclamando este servizo. Para executar a rede de saneamento neste lugar houbo que instalar un sistema de bombeo para salvar un desnivel de cota do terreo que dificultaba a dotación deste servizo. Unha vez feita a obra, que tivo un custo de 59.367,33 euros, dende o departamento de Obras están pendentes de que Fenosa autorice a alta, para conectar o sistema de bombeo á rede eléctrica. Esta actuación foi sufragada a través do canón que paga a UTE.

Ao igual que no caso anterior en Costoia tamén é preciso instalar un sistema de bombeo para dotar de saneamento a tres vivendas que están próximas á estrada que une os lugares de Outeiro (Bugallido) con Costoia (Biduído) ata o termo municipal de Santiago. Neste caso, tamén é necesario salvar un desnivel de cota do terreo. Esta obra estase executando actualmente. A maiores algunhas das fosas sépticas desta vivendas estaban vertendo fóra, polo que existían advertencias que evidenciaban a necesidade deste servizo. Estes traballos, que tiveron un custo de 54.648,50 euros, tamén foron sufragadas con cargo ao canón aboado pola UTE.

Melloras na rede de saneamento de Gasamáns-Novais e Oca Por outra banda, conectouse á rede eléctrica o sistema de bombeo da rede de saneamento de Gasamáns-Novais, que leva executada hai seis anos, pero no seu momento non se contemplou a conexión á rede eléctrica do sistema de bombeo de Novais. Pola contra en Gasamáns non existe este problema. Esta actuación, que tivo un custe de 27.000 euros, tamén foi realizada con cargo a fondos propios. Dende o departamento de obras explican que se está a espera de recibir a alta por parte de Fenosa e agardan que a comezos de 2017 entre en funcionamento.

Por último, na rede de saneamento de Oca, que tamén leva varios anos executada, fíxose un investimento de 6.000 euros, para poñer en marcha o cadro eléctrico do sistema de bombeo da devandita rede.