Pestanas principais

O goberno municipal estuda melloras de seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro

Sábado, 02 de xullo de 2016

[02-07-2016] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, desprazáronse este venres ao Milladoiro xunto cunha técnico do departamento de Obras para estudar melloras de seguridade viaria na rúa Viorneira e na avenida de Rosalía de Castro. O plan que ten o executivo amesán é instalar semáforos e un paso de peóns que parta da rúa Viorneira e atravese a Avenida de Rosalía de Castro. Búscase mellorar a seguridade nesta zona e facilitar o cruce desta avenida, xa que son moitos os veciños e veciñas que cruzan por ese punto e poñen en risco a súa seguridade. A maiores pretenden potenciar a rúa Viorneira, unha zona eminentemente comercial.


Á visita uníronse o arquitecto encargado do proxecto, e dous representantes da Asociación de comerciantes da rúa Viorneira. Estudaron a área onde se cruza a avenida de Rosalía de Castro dende a rúa Viorneira, buscando a localización máis segura para peóns e vehículos e valorouse o lugar no que se instalará.

Dende hai máis de 20 anos os veciños/as do Milladoiro levan pedindo unha solución para esta vía que atravesa esta localidade amesá en dúas partes, cun denso tráfico, e cunha media de 30.000 vehículos diarios, que xeran problemas de seguridade viaria e peonil.

Esta actuación en concreto fora solicitada tamén pola Asociación de Pequenos Comerciantes de Viorneira, Palmira-Bulebar, e recentemente foi tratado este asunto co ministerio de Fomento e solicitada a pertinente autorización, ao ser a N-550 unha estrada dependente do Estado. Días atrás foi recibida no concello a autorización do Ministerio de Fomento para poder realizar a obra.

Reunión coa conselleira de Infraestruturas
O vindeiro luns, 4 de xullo, o goberno municipal manterá unha reunión coa conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez. Tratarase, entre outros temas, a instalación da sinalización para desviar aos vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas dende a SC-20 cara a autoestrada AG-56 e ao corredor AC-522 ata a glorieta das Galanas, situada na N-550. Dende o goberno solicitarase a axilización da colocación desta sinalización, para contribuír tamén así a diminuír o tráfico rodado no centro da localidade do Milladoiro.